Rhodes en Ferrol

O pianista británico nacionalizado español, James Rhodes, veu actuar A Ferrol o día 5 de febreiro. E fomos velo ao Auditorio. Gustoume que viñera. O auditorio estaba case cheo, e conseguir iso non é sempre doado para os programadores culturais.

Rhodes é bastante famoso. Sobre todo, pola súa confesión dos abusos sexuais que sufriu na infancia, e o seu relato de como a música foi quen de darlle un respiro, un resgardo, algo ao que agarrarse  para remontar, en lugar de afundir de todo. Unha historia persoal, polo tanto, terrible, pero iluminada pola música dun xeito esperanzador.

Hai xa uns anos, Rhodes veu vivir a España e foi gañando sona e presencia nos medios de comunicación, nas redes e, case case, no plano institucional, chegando a interpretar o Himno da Alegría, da Novena de Beethoven, no acto de presentación do Plan de Recuperación do Goberno, en outubro do 2020.

A min gústame moito a música. Hai tempadas nas que non lle fago tanto caso, pero levo toda a miña vida moza e adulta escoitándoa. E a que máis me acompaña, dende hai xa décadas, é a clásica. Pero, sen embargo, sei que non entendo. Cos intérpretes, por exemplo, pásame igual que cos viños: son capaz de distinguir un palleiro, cativo de todo, dun bo, pero recoñezo que, a partir dun nivel, a partir do Rioxa de 15 euros, xa non teño criterio e todos parécenme ben. E, cos músicos, e concretamente cos pianistas, é unha cousa parecida: sei cando un é malo de verdade, pero, en canto entramos no eido profesional, éme moi difícil valorar con exactitude se é excelente ou simplemente aceptable.

De Rhodes teño lido críticas bastante duras. Basicamente, acúsano de ser un pianista mediocre, sen nivel para gañarse a vida de concertista, e que está onde está por motivos extra musicais. Que é pianista porque é famoso, e non ao revés. Eu, xa digo, non sabería dicir. Aínda que tanto a miña muller coma min coincidimos, o outro día, en que o que tocara non nos emocionara en absoluto; ademais de que a selección era, dende a primeira á última obra, puro lugar común.

Eu creo que os profesionais, do que sexan, teñen dereito a envolver o seu produto, para ver de vendelo mellor. Faino todo o mundo, ou o intenta: adornamos un pouco o que facemos, para que guste, para que convenza, para que impresione máis que se o presentásemos en bruto. É lexítimo.

O problema témolo cando todo é envoltorio. Cando debaixo dese papel bonito non hai nada, cando todo queda en slogans e posta en escena, sen algo consistente despois. Cando se vende fume. Eu agradezo que Rhodes sexa simpático. Dende logo, é preferible que comece a súa actuación dicindo o bonito que é Ferrol, a que faga un chiste comparándoo con Corea. Agradécese. E ese xeito de poñerse ao público do seu lado acéptase como marketing.

Como marketing é a súa imaxe, seica buscando rachar un suposto inadmisible elitismo da música clásica. Pero cando, despois, cada vez que fala -non para de falar-, os seus comentarios musicais non son máis que tópicos de fácil consumo, e non se aparta en ningún momento do estereotipo de estranxeiro que cae ben porque mete dous tacos en cada frase, aquelo empeza a decepcionar. E cando, chegando ao final do concerto, pon voz, xa, agora si, seria, e achégase ás butacas e lle pide ao alcalde un “favor persoal”, que lle dedique máis cartos á educación musical na cidade, xa cheira un pouco. A conto. A envoltorio.

Salir de la versión móvil