Santiago

Supoño que haberá rexións de España nas que se darían situacións semellantes, nas que habería unha única universidade que faría de foco de atracción para todos cantos tiveran a posibilidade de empezar unha carreira. Pero o de Santiago para Galicia, o de ir estudiar a Compostela, eu creo que aquí, noutros tempos, acadou una natureza case mítica. Xente de todo o país chegando á vila, á gran aldea suma de todas as aldeas. E xente quedando na casa pensando neles, aforrando por eles, poñendo neles as súas esperanzas de mellorar, e contándolle aos veciños que o fillo fora estudiar a Santiago.

E Santiago, Compostela, a vila medieval de pedra, coas rúas molladas, e sotanas, e garabatas e abrigos e paraugas, era a primeira saída das súas vidas, cara a outras. Despois, trencas e barbas, e cada vez máis saias, pero aínda a ventá pola que asomarse ao resto do mundo.

Agora, moito cambiou: as sete vilas galegas teñen universidade ou, polo menos, campus propio, e hai xa moitos rapaces que non teñen que marchar da casa para estudiar. Seica é mellor. Será.

Onte fomos levar á miña filla Paula a Santiago, porque empeza na universidade. Menos en Ferrol, a carreira que elixiu tíñaa en calquera dos campus, pero ela prefería ir a Santiago, e conseguiuno. Traballou moito, esforzouse, non tivo mala sorte e todo saíu ben: o que quería, onde quería.

Á mañá estaba triste, emocionáballe o seu último almorzo, emocionáballe todo. Xa levaba uns días así. Díxenlle que nada de aquelo era o último e, sobre todo, que aquela seguía sendo á súa casa. Aínda así, ao chegar á residencia de Santiago dicía que non baixaba do coche. Por sorte, tres amigas xa estaban por alí. Subimos as maletas e fomos comer ao centro, ao pe da facultade de Filosofía. E despois marchamos. Xa tiña plan pola tarde. Creo que, en todo o día, non pasou soa máis de media hora.

Cando nos despedimos, na aperta longa que nos demos, sentín moito orgullo por ela: a miña filla, a miña pequena, chegara ata alí, e fixérao moi ben. Pero tamén, e a pesar de saber sen dúbida que vai desfrutar moitísimo estes anos, algo de pena e de medo: quedaba alí a miña filla, a miña pequena, nunha etapa nova na que a autonomía e a independencia terán que ir chegando, e na que, pouco a pouco, irá precisando menos de nós. Mentres, nós seguiremos necesitándoa igual e botándoa de menos.

Salir de la versión móvil