Só podes vivir por ti

Cóntame Pepe que o día máis feliz da súa vida coincidiu coa xornada na que o seu fillo Antonio graduouse en Arquitectura. Antonio ía construír grandes edificios, obras faraónicas coas que deixar enmudecidos aos compañeiros cos que Pepe xogaba cada día aos naipes na taberna do pobo. O soño de Pepe, o de ter un fillo de ben, acababa de cumprirse. El, que tiña as mans curtidas de traballar a terra por máis de 30 anos, pensaba que a nova xeración conseguira o soño más prezado, o de ser universitario.

Pero Antonio non o tiña tan claro. Traballou como Arquitecto ao redor de 5 anos, pero este tempo non foi precisamente feliz para el. Plano tras plano a súa vida transcorría plana, sen maior motivación, viaxando a miles de lugares que non deixaban ningunha pegada na súa persoa; Arabia, Brasil, Ecuador, China, Xapón…ningunha nación era importante para el.

Despois deste tempo Antonio decidiu deixar esa vida certamente acomodada e transformar a súa realidade; por primeira vez púxose a construír o seu propio edificio, pero lonxe das dotes arquitectónicas. Pechouse por máis de 5 meses na casa familiar da aldea e púxose a escribir, unha paixón que sempre o atravesara pero que nunca cultivara, porque xa lle dicía súa nai que: “os escritores, os actores e os pintores só triunfan nas películas”. Pero Antonio non se daba por vencido, porque as películas máis que ficción, sempre teñen un punto de realidade.

E así foi como Antonio converteuse en escritor. Os seus lectores nunca lle deron o gusto de facer dun dos seus libros un best seller, pero o oficio permitiulle ir pagando as facturas, comprar unha bonita casa de campo e manter un coche estándar. Nada de luxos, pero nada de desgustos. Antonio vive para escribir e escribe para vivir.
Este ano Olivia, a filla de Antonio, acaba a secundaria con moitas inquedanzas e incertezas. Leva a metade do curso pasado en corentena e sabe que este que comeza vai ter que fincar os cóbados ao máximo para obter a nota que necesita para realizar Informática. Todo o mundo lle di que é a carreira do milenio, que con ela non hai desemprego, que tería o futuro asegurado…

Nunha conversa co seu pai confesa que: “Non sei que vou facer se non me da a nota…” Entón Antonio dille as palabras máis sabias que un pai pode dicirlle a unha filla. “Non importa se este ano non podes comezar Informática, se realmente é a túa paixón dalgún xeito acabarás alí, e se non o é hai centos de alternativas esperándote, só tes que buscar dentro de ti. Non te poñas límites ti, que diso xa se encargan os demais. “Recordas que o que máis che gustaba facer de pequena era xogar aos Playmobil a perseguir cacos e ladróns? Pois este pode ser un bo momento para pasar á acción…”

Os soños, os desexos, os proxectos… son só dunha mesma ou dun mesmo; ninguén pode vivir os seus a través dos ollos dos demais, nin sequera a través das persoas que máis queremos. Pepe quixo vivir os seus logros a través de Antonio, quen non conseguiu ser feliz ata volver á raíz.

Pode que Olivia teña un futuro incerto pero será prometedor se é quen de tomar as rendas e ser dona das súas decisións; decisións inexpertas, equivocadas, temerarias…pero virtuosamente súas.

Salir de la versión móvil