Solteiras

solterias

Invítoche a que fagamos unha viaxe en tren. Non importa a que lugar, o espazo carece de importancia cando o tempo é o que marca a viaxe.

Preséntoche a Ana, que ten 80 anos. Viaxa no último vagón porque pensa que se hai un accidente, os vagóns más próximos á maquinista serán os máis prexudicados. A Ana ensinárona a ser precavida; a valentía, dixéronlle sempre, non é cousa de mulleres. Pero Ana foi valente polo menos unha vez. No ano 1960 quedouse embarazada e tivo ao seu único fillo, Xacobe.

Tiña 20 primaveras e un berce cheo de ilusións. Alberto, o pai do seu fillo, non pensou o mesmo e marchou. Ana foi naquel momento, e para sempre, NAI SOLTEIRA. Nada de familia monomarental, non, para a sociedade Ana foi soamente unha nai solteira, a “comidilla” do pobo, a reputación en entredito.

No centro do tranvía viaxa Maribel, cos seus 55 anos as súas mans cansadas de arar a terra asemellan unha década máis. Dedicada unha vida ao rural, con explotación gandeira incluída, e coidando dos seus pais aínda vivos. De profesión Gandeira? Non, de profesión Coidadora. Na aldea se lle coñece como “A Estreita”, e non pola súa complexión física, senón porque nunca a viron con ningún home.

Ás veces tamén a chaman “A Defunta”, porque sempre viste con roupa escura e non se deixa ver pola taberna. Pero sobre todo, Maribel é a SOLTEIRONA do lugar, porque como di o rumor popular, as mulleres que non teñen parella son moi raras, moi místicas.

No primeiro vagón viaxa Emma, con 30 “lereles”. Arquitecta de éxito, cun grupo de amizades máis que envexable, unha hipoteca pagada, dous cans e un gato que hoxe vai con ela no tren. Pasa a súa vida entre Londres, Pequín e A Coruña. Muller de mundo, cosmopolita, e…SOLTEIRA. A súa nai está preocupada porque en 30 anos Emma non levou a ningún rapaz á casa familiar. O seu pai está preocupado porque pensa que a Emma débenlle de gustar as mulleres.

O seu avó está preocupado porque á nena váiselle pasar o arroz, e el vai morrer sen vela casada. É dicir, que a pesar de que Emma é unha muller con éxito e parece feliz, para a súa familia que Emma non teña un home ao seu lado é difícil de dixerir.

Todas estas viaxeiras, con idades distintas e situacións vitais diferentes, están atravesadas pola presión da sociedade para que as mulleres encontren a media laranxa, casen e teñan fillos, algo que pese aos avances e progresos acadados, segue no inconsciente colectivo. Sei que agora pensarás en decenas de historias como as de Ana, Maribel e Emma. Non é casualidade, chámase patriarcado.

Relacionadas

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.