A iniciativa presentada por Carlos San Juan baixo o titulo “Son maior, non idiota” recolleu 600.000 firmas que presentará diante do Ministerio de Economía e do Banco de España, coa finalidade de que as entidades bancarias realicen unha atención máis humana e próxima aos clientes que teñen dificultades para realizar as súas operacións cos caixeiros automáticos ou a través dos medios dixitais.
A queixa está enfocada contra as novas prácticas bancarias que se están impoñendo de forma acelerada, co peche de oficinas bancarias, supresión de caixeiros, cos horarios reducidos de atención aos clientes e que conlevan pouca atención a persoas que non están familiarizadas e habituadas coa mecánica dixital e o uso da internet. A isto hai que engadir o abuso e xeneralización da cobranza de todo tipo de comisións por calquera servizo, mesmo nalgúns casos, pola cobranza da pensión.
A crise do sector bancario derivado da gran recesión de 2008, levou por diante ás Caixas de Aforros e outras entidades bancarias, por malas prácticas de xestión das mesmas, nada menos que a metade do sector bancario español, e na que moito tiveron que ver o control ou presión do poder político e empresarial. O Estado e por tanto o conxunto da sociedade española, asumiu unha débeda de máis de setenta mil millóns de euros que ocasionou o sector bancario pola súa mala praxe, ademais das perdas privadas de pequenos e grandes investidores, dos empregados do sector e dos clientes prexudicados por esa crise.
Isto supuxo non só o descrédito e crise reputacional das entidades financeiras, senón que ocasionou unha redución da competencia e unha maior concentración bancaria, desaparecendo tamén a responsabilidade social que asumían as Caixas e a obra social que realizaban.
O ano 2021 foi un ano récord de beneficios para a banca, que contrasta co malestar dos seus clientes menos dixitalizados. Pero tamén foi un ano récord no peche de oficinas e despedimentos de empregados.
A responsabilidade social coa súa clientela e o trato personalizado nos servizos polo miúdo da banca está a desaparecer pola presión competitiva e coa procura rápida de beneficios empresariais, deixando no desamparo aos maiores que son os que máis sofren estes cambios.
Por iso é polo que nos temos que sumar a ese clamor social que representa a iniciativa presentada por tantas firmas, e esixir aos bancos que adopten medidas para paliar estes abusos e como non, que o Goberno impoña a ese sector a corrección desas prácticas que xeran exclusión social.