No medio dun debate que gaña intensidade cada semana, o mapa universitario galego podería estar a piques de experimentar un cambio histórico, cuxo protagonista é un dos graos máis cobizados e estratéxicos da oferta universitaria: Medicina. Para entender a magnitude do debate actual, cómpre contextualizalo. Hai unhas semanas, a UDC anunciou a súa intención de implantar o grao nesta carreira a partir do curso 2027-2028. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey (PSOE), defensora da creación da facultade, criticou o incumprimento do acordo de 2015, que apostaba por descentralizar parte da docencia clínica da USC. Na práctica, porén, isto só se aplica no sexto curso.
Como resposta, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, defendeu que a súa cidade tamén debería contar cunha facultade propia. O reitor da UVigo, máis cauto, propón explorar outras vías antes de apoiar esa opción, aínda que non a descarta se a da Coruña prospera. Pola súa banda, o reitor da USC defende manter un único centro en Galicia, postura é compartida pola alcaldesa da urbe compostelá, Goretti Sanmartín (BNG). Así mesmo, tras a última reunión do Consello de Docencia Clínica, Xunta e universidades acordaron crear un grupo de traballo liderado pola UVigo para deseñar un novo modelo docente. Con todo, a UDC mantén a súa intención de poñer en marcha o grao en 2027.
Unha vez feita a recapitulación das posturas das distintas partes, debemos ter en conta que, nesta disxuntiva, entran en xogo diversos factores. En primeiro lugar, o reitor da UDC, sinalou que na Coruña «pode haber unha facultade de Medicina pública ou privada». Un feito que encaixa con claridade co estado actual do Sistema Universitario Español (SUE): no curso recentemente finalizado 2024/2025, impartiron ensinanzas un total de 92 universidades, das cales 42 eran privadas; é dicir, actualmente, o 46 % dos campus pertencen ao ámbito privado. Unha porcentaxe que, ademais, vai en aumento.
No caso galego, aínda que foi un dos últimos territorios en incorporar centros de estudos superiores privados, xa conta cunha nova universidade radicada na súa totalidade en Galicia e un par de campus adscritos. E todo indica que a tendencia irá a máis. Por iso, é fundamental que as administracións sumen esforzos na defensa dun ensino superior público forte, que combine excelencia, equidade e compromiso co ben común, por riba de intereses privados. Castela e León, por certo, viviu unha situación similar hai dous anos, cando as universidades de León e Burgos apostaron por implantar o grao en Medicina, até entón exclusivo de Valladolid. Só Francisco Igea, médico e político de Ciudadanos (e casualmente formado en Valladolid), se opuxo de entre todas as formacións políticas, incluíndo VOX. As novas facultades abrirán o vindeiro curso sen a crispación que aquí estamos a vivir.
En contraste, a situación galega segue marcada por unha evidente limitación de oferta: Galicia, con 2,7 millóns de habitantes e sendo a quinta comunidade autónoma máis poboada do país, conta con tres universidades, pero só unha única facultade de Medicina. Esta realidade fai que moitos estudantes, ante a escaseza de prazas, teñan ou ben que acudir ao ensino privado para formarse como médicos ou mesmo emigrar a outras comunidades para estudar noutras universidades públicas. Así mesmo, é importante subliñar que, en moitos casos, mesmo dispoñendo de praza en Galicia, optan por marchar fóra debido á persistente e errónea crenza de que as boas universidades só están en Madrid. Por iso é necesario deixar atrás localismos estériles, unir forzas e levar a cabo un labor pedagóxico que reivindique con orgullo a excelencia das nosas institucións superiores ante a crenza errónea de que todo o de fóra, sexa de carácter público ou privado, é mellor que o noso.
Dito isto, cabe preguntarse que pode levar aos detractores desta descentralización a opoñerse ao progreso. E si, hai que ser claros: estamos a falar de progreso e de quen, movido por un hipercentralismo egoísta e alleo ao ben común, pretende frealo. Non se trata de levantar centros comerciais, senón de crear focos de coñecemento, innovación e progreso ao servizo da sociedade galega. E non falamos de calquera titulación, senón da que formaría a médicos nun territorio cun elevado grao de envellecemento: segundo o INE, Galicia presenta un índice do 224,3 %, o que significa que hai 224 persoas maiores de 64 anos por cada 100 menores de 16. Un desequilibrio xeracional que converte a nosa comunidade na segunda máis envellecida do Estado, só por detrás de Asturias. Por outra banda, non debemos pasar por alto que esta formación estase a propoñer en dúas cidades que, a día de hoxe, están entre as vinte máis poboadas de todo o Estado, algo do que, por certo, a cidade do Apóstolo non pode presumir.
Por todo isto, resulta especialmente preocupante escoitar declaracións como as do doutor González Juanatey, xefe de Cardioloxía no hospital santiagués, que advertiu que contar con tres facultades de Medicina en Galicia «pode diluírnos na mediocridade». Esta afirmación, ademais de transmitir un marcado clasismo, evidencia o medo á perda de privilexios por parte de aqueles que aínda hoxe consideran que todo ten que seguir concentrado en Santiago de Compostela. Unha cidade que, por certo, sofre coma ningunha outra en Galicia o drama da escaseza de vivenda en alugueiro para estudantes, o que xa está a obrigar a moitos a desprazarse a localidades próximas ou, directamente, a renunciar a cursar estudos universitarios.
En definitiva, o futuro non se constrúe dende o inmobilismo, senón ampliando horizontes. O progreso de dúas cidades non pode supoñer ningunha ameaza para unha terceira que sempre o tivo todo. Estou convencido de que, se isto mesmo ocorre no futuro con Arquitectura ou Enxeñaría Industrial, nin A Coruña nin Vigo porán tantas trabas. Non esquezamos tampouco que titulacións como Enfermaría ou Maxisterio xa están implantadas en todas as cidades galegas, e iso nunca se viu como un problema. A nosa obriga como sociedade desenvolvida e avanzada que somos é multiplicar oportunidades para que a mocidade galega poida formarse na súa terra e entender que só cun sistema universitario galego moderno e diverso poderemos dar resposta aos retos demográficos e sociais que temos por diante.