Xente nova

Burnout_Explainer844

Falando con Antonio coméntame que o seu fillo non quere acudir ao instituto, buscando sempre a escusa perfecta; cansazo acumulado, diversas dores físicas e falta de motivación coas materias de clase. Resultado: Xián ten un cadro de absentismo que non só bota en problemas ao rapaz, senón tamén aos seus pais.

Converso tamén con Carme, que me conta desconsolada que cada vez que a súa neta chega á casa, o olor a “porro” é insoportable. Tras realizar varias inspeccións oculares polo barrio ás agochadas, descubriu o que tanto temía. Resultado: Ana é consumidora regular de cannabis.

Federico cóntame unha preocupación latente que non o deixa durmir, que a súa filla ten marcas raras na pel, especialmente na zona dos brazos. Non sabe a que se pode deber, e que magnitude pode ter, porque a adolescente sempre vai vestida con moita roupa, incluso nos días abafantes de calor. Resultado: Sara castiga o seu corpo con condutas autolíticas.

A Mónica é a cuarta vez que na metade da noite a chama a Garda Civil para dicirlle que o seu fillo está no calabozo, por un pequeno roubo no centro comercial. É, por tanto, a cuarta vez que Mónica sofre a rabia e a vergoña máis grande da súa vida. Resultado: Roi ten que enfrontarse a un xuízo importante por acumulación de delitos.

E si, todas estas cuestións suceden todos os días en numerosas familias, non son a excepción. Algunha xente nova anda polo mundo sen dirección, esa falta de goberno implica unhas veces malestar para os demais, pero sempre malestar para un/ha mesmo/a e para as súas familias.

Sabemos perfectamente que pasar dúas crises económicas e unha crise sanitaria non é facilmente asumible nin dixerible, pero tampouco o é pasar fame, combater nunha guerra ou quedar en desemprego aos 50 anos.

Á mocidade hai que escoitala, comunicarse con ela, comprendela, axudala en todo o posible e ofrecer apoio, pero sen caer na sobreprotección, na retroalimentación negativa e no exceso de compracencia.

Démoslle á xente nova ferramentas para que sexan suxeitos activos, independentes e conscientes. Sexamos guías pero non salvadores.

Se o mundo se volve un lugar escuro, axudémoslles a encontrala luz, máis non a comprarlles a lanterna.

Relacionadas

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.