A Escola de Música do Concello de Ortigueira está de noraboa. Os programas que o centro desenvolveu a través da súa canle en liña de televisión, a EMCO TV, acadaron neste periodo estival un gran éxito nas redes sociais, conseguido máis de 11.000 visualizacións en Facebook e Youtube.
Tras realizar unha programación semanal orientada a divulgar a música feita en Ortigueira, a Escola de Música conseguiu duplicar o número de subscritores na súa canle de Youtube e superar os 4.200 seguidores en Facebook.
Inicio do curso escolar
A EMCO está traballando xa no inicio do curso escolar, para o que se realizou a matrícula no mes de xuño, aínda que se abrirá unha nova convocatoria proximamente para que o alumnado interesado poida cubrir as vacantes dispoñibles. O centro contará así mesmo cun protocolo de medidas sanitarias para conseguir que as clases se leven a cabo nun contorno seguro e agradable.