A estación depuradora de Espasante xa está plenamente operativa

Tras anos de incerteza, a administración de Ortigueira completou as obras encomendadas a Viaqua por un importe de máis de 133.000 euros

O núcleo de Espasante conta xa cun sistema de saneamento plenamente operativo despois das obras de reforma e adecuación realizadas polo Concello a través da empresa Viaqua e cun investimento de 133.500 euros. O vindeiro mércores 29 de xullo, ao ser festivo local haberá unha xornada de portas abertas na que os veciños e veciñas poderán visitar as instalacións e coñecer o seu funcionamento. Dará comezo ás 10.00 horas e os asistentes serán recibidos polo alcalde e a concelleira de Atención á Veciñanza.

Os traballos acometéronse para poder poñer en funcionamento un servizo que presentaba importantes deficiencias que provocaron no seu momento, entre outras cousas, o empeoramento da calidade das augas de baño na praia da Concha.

Unha vez feitos todos os trámites necesarios, adxudicouse a Viaqua a obra por un importe de 133.506,37 euros, e foi necesario tamén contratar a dirección facultativa da obra porque o Concello non ten no seu plantel técnicos cualificados para estes traballos. Solventados todos estes trámites, a obra comezou en febreiro do ano pasado, coa previsión de rematala en agosto do 2019, pero os numerosos problemas técnicos que se foron atopando desde o comezo impediron que rematase ata o momento.

Cos traballos agora executados consíguese o correcto funcionamento da estación depuradora e dos pozos de bombeo, garantíndose a calidade das augas de verquido segundo os parámetros establecidos por Augas de Galicia. Nas obras instaláronse tapas estancas para impedir a saída de cheiros cara ao exterior tanto na estación de bombeo situada na rúa Miramar como na da confluencia das rúas Hortas do Río e Praia. Námbolos dous casos procedeuse á limpeza dos pozos, á instalación dos elementos auxiliares deteriorados e de novas bombas sumerxibles, así como á adecuación da instalación eléctrica xeral de bombeo.

Na EDAR situada na estrada do Porto realizouse o baleirado, limpeza e xestión de residuos no equipo de desbaste e substituiuse o sistema anterior por un tamiz tipo escaleira. Tamén se levou a cabo o mesmo traballo no sistema de desarenado-desengrasado, coa instalación -ademais- dun novo sistema ultrasónico de medición do caudal. Os traballos incluíron o baleirado, limpeza e xestión de residuos no reactor biolóxico, o dixestor aeróbico e o decantador secundario, coa instalación dun novo equipo de axitación do reactor e dun sistema de medición do oxíxeno disolto. Acometéronse tamén a substitución de lámpadas, bombas de recollida de lodos e outros elementos e cambiouse o sistema de automatización para a posta en marcha da depuradora.

Salir de la versión móvil