A Xunta compromete o seu apoio á candidatura do Xeoparque Cabo Ortegal ante a Unesco

A dirección xeral de Patrimonio Natura vén de subscribir unha carta de respaldo á iniciativa como paso previo á remisión da proposta á Comisión Nacional Española de Cooperación

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de comprometer o seu apoio á candidatura do Xeoparque Cabo Ortegal, que aspira a obter esta declaración por parte da Unesco como recoñecemento á riqueza xeolóxica da zona. A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, acaba de mostrar a través dunha carta o seu respaldo expreso a esta iniciativa, promovida por sete concellos da Comarca de Ortegal: Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño.

A candidatura dá así un paso decisivo e imprescindible para poder seguir avanzando cara o obxectivo de presentar o antes posible o seu proxecto ante o comité de avaliación da Unesco en España. De feito, a Lei de Patrimonio Natural e da Biodiversidade de Galicia establece que para que este tipo de propostas poidan ser remitidas á Comisión Nacional de Cooperación coa Unesco, antes deberán contar cunha carta de apoio da Consellería competente na materia.

Na carta, a directora xeral xustifica o seu respaldo en que o ámbito que aspira á declaración atesoura “un patrimonio xeolóxico singular de gran relevancia e unha estratexia de desenvolvemento propia” relacionada co mesmo. Ademais, recoñece que de obter este recoñecemento internacional por parte do organismo da ONU, contribuiríase ao “desenvolvemento de novas iniciativas relacionadas coa geoconservación, a educación, a investigación e a divulgación do patrimonio cultural, histórico e natural desta comarca.”

O territorio incluído na candidatura, de feito, conta cunha superficie de case 630 km2 e é todo un referente na xeoloxía europea. Nese sentido, a declaración como geoparque mundial permitirá darlle un novo ánimo a estes valores xa coñecidos, á vez que abrirá novas oportunidades e posibilidades para unha dinamización social, cultural e económica da súa zona de influencia, que suma en total unha poboación de máis de 28.000 habitantes.

 

Salir de la versión móvil