Cariño saca a licitación a pavimentación dos camiños de Campanario, Murela e Fontao

Investirase preto de 60.000 euros, cun tempo estimado de execución das obras de tres meses

O Concello de Cariño acaba de sacar a licitación o proxecto para pavimentar os camiños de Campanario, Murela e Fontao. Unha actuación valorada en 58.774,14 euros, financiada a través do Plan Único da Deputación dá Coruñaque tamén permitirá renovar a rede de abastecemento e pluviais nestes puntos.

Levarase a cabo a substitución dun tramo de tubaxe de abastecemento nos camiños de Campanario e Fontao, a mellora puntual da rede de pluviais no inicio do camiño de Campanario no entroncamento co camiño da Corredoira e, por último, a extensión dunha nova capa de aglomerado asfáltico nas tres vías, que suman en total 1,2 quilómetros.

Esta actuación permitirá rebaixar 12 centímetros a altura da actual calzada, facilitando o paso a varias vivendas do núcleo que actualmente teñen dificultades de acceso debido ao alto desnivel da estrada. Ademais, tamén se recheará de formigón a superficie da cuneta principal para así poder levar limpas as augas pluviais directamente ao río Murela.

O alcalde de Cariño destacou a necesidade de renovar o pavimento nestes camiños, o cal permitirá mellorar o servizo de auga potable e de recollida de pluviais á veciñanza local.

O prazo para a presentación de solicitudes finaliza o 22 de xullo e o tempo estimado de execución dos traballos é de tres meses.

Salir de la versión móvil