A Deputación da Coruña ultima estes días as obras de mellora da seguridade vial na estrada provincial DP 6121, no núcleo da Ortigueira pertencente ao termo municipal de Cariño. A Deputación inviste 316.218 euros nesta obra, que entra xa na súa fase final e contribuirá a mellorar a seguridade nun vial que supón un dos principais accesos a Cariño.
Coa axuda dunha grúa de grandes dimensións, estes días estanse a instalar as vigas da nova plataforma do vial na ponte de Ortigueira sobre o río Lourido, unha curva pronunciada onde se producía un importante estreitamento do vial que ocasionaba problemas de seguridade.
Unha nova ponte paralela
Unha vez completada a demolición da edificación máis próxima ao interior da curva, o servizo de Vías e Obras comezou a fase máis complexa dos traballos, «que consiste na execución dunha variante e dunha nova ponte, paralela á actual, que separará os dous sentidos da circulación, dotándoa de carrís de 3,5 metros de ancho en cada sentido que garantan a circulación en condicións de seguridade», segundo explicou o deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño.
O alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, destacou a importancia dos traballos para eliminar este punto negro e pediu aos veciños precacución á hora de circular pola estrada ante a previsible presenza de maquinaria pesada.
Mellora na seguridade vial
A construción da variante e da nova ponte permitirá deixar a estrada actual para a circulación nun só sentido, mellorando ademais o trazado con radios en planta de entre 35 e 300 metros. Ademais habilitarase un carril de 3,5 metros con arcéns interior e exterior de medio metro e bermas de 0,80 metros para a instalación de barreiras de protección en cada sentido, creando unha pasarela peonil para garantir tanto a seguridade da circulación na estrada como a dos peóns do núcleo.