A Deputación renova o firme da estrada que da acceso ás praias de Fornos e Figueroa, en Cariño

O novo aglomerado mellorará a seguridade do tráfico na DP 6115, especialmente concorrida durante o verán

A Deputación da Coruña executa estes días obras de mellora na estrada provincial DP 6115 de Cariño, un vial que dá acceso ás praias de Fornos e Figueroa, moi concorridas na época estival. As obras inclúen a limpeza das marxes e o aglomerado da calzada con mestura asfáltica en quente, o que contribuirá a mellorar a seguridade da circulación.

Estes traballos, incluídos no Plan de Conservación de Vías Provinciais, completan as obras realizadas o pasado ano grazas á colaboración entre a Deputación da Coruña e o Concello de Cariño, que incluíron a dotación de sobreanchos na calzada, a construción dun muro de escollera e dunha senda peonil que permite un acceso máis cómodo e seguro ás praias.

Esta é unha das 26 obras que a Deputación vén de activar nos últimos días, por importe próximo aos 5 millóns de euros e que contribúen a manter activa e economía e o emprego no sector da construción e as obras públicas.

Salir de la versión móvil