As obras do centro de día de Cariño contarán co apoio da Deputación

As entidades están dispostas a reactivar un proxecto que leva case unha década parado trala quebra da cosntructora

A Deputación da Coruña está a disposta a colaborar coa Xunta de Galicia e o Concello de Cariño para reactivar as obras de construcción do centro de día e residencia de maiores da localidade, paralizadas hai case unha década debido á quebra da empresa construtora. Así o comunicou hoxe o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, durante a visita institucional que realizou ao municipio, na que amosou a disposición do goberno provincial a “prestar a súa colaboración técnica e económica para retomar as obras dunha infraestrutura moi necesaria e demandada pola veciñanza”.

O presidente provincial estivo acompañado na súe visita polo alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, quen explicou a necesidade de “activar un proxecto para rematar a adaptación exterior e interior do inmoble, que dará servizo aos numerosos veciños de Cariño e da súa área de influencia que demandan unha infraestrutura destas características”. Formoso lamentou que “edificios que foron pensados e deseñados para prestar un servizo a un sector sensible da sociedade que precisa de apoio público como os nosos maiores acaben no abandono” e subliñou “o enorme esforzo do goberno municipal para salvar todo tipo de obstáculos xudiciais, bancarias, financieiras e burocráticas” e finalizar o edificio. “Será un orgullo poder colaborar co concello neste tema”, afirmou.

José Miguel Alonso Pumar agradeceu a disposición do goberno provincial de González Formoso para prestar a súa axuda “nunhas obras necesarias para non deixar sumido no abandono este proxecto e impedir que siga deteriorándose un edificio que está xa nunha fase moi avanzada“, afirmou. O alcalde lembrou ademáis o compromiso adquirido no seu día pola Consellería de Política Social da Xunta de asumir con 150.000 euros parte do financiamento das obras de terminación de inmoble “para dar servizo á veciñanza de Cariño”.

Melloras da seguridade vial en Cariño

O presidente da Deputación e o alcalde de Cariño visitaron tamén o núcleo de A Ortigueira, onde a Deputación inviste actualmente 316.218 euros nas obras de mellora da seguridade vial da DP 6121, a principal vía de acceso ao municipio. Valentín González Formoso confirmou que comezarán nas vindeiras semanas as obras de demolición dunha edificación que reduce a visibildade na zona e a execución dunha nova ponte para desdoblar a circulación que discorrerá paralela á ponte actual e que separará os dous sentidos do tráfico con carrís de 3,5 metros de ancho en cada sentido que garantan unha circulación segura para os vehículos. As obras incluirán tamñen a instalación de barreiras de protección que garantan a seguridade do tránsito peonil na zona.

González Formoso e Alonso Pumar, acompañados do presidente da asociación de veciños de Landoi, Ángel Luis Pena, visitaron a zona de intersección das estradas provinciais DP 6119 e DP 6121, onde o alcalde demandou á Deputación a redacción dun proxecto que “axude a mellorar a visibilidade e a incorporación de vehículos en condicións de seguridade”. “Todos os veciños de Landoi saen por esta estrada cando se dirixen a Cariño e atópanse cun cruce moi perigoso, polo que pedimos anchear a estrada e dotala dun novo carril que permita incorporarse en condicións de seguridade”, afirmou ao alcalde.

 

Salir de la versión móvil