Para loitar contra un dos efectos secundarios das medidas aplicadas polas autoridades sanitarias para conter a expansión do coronavirus, o Concello de Cariño decidiu facer un chamamento á colaboración cidadá co obxectivo de crear un servizo de apoio a persoas en situación de vulnerabilidade do municipio.
O obxectivo é crear unha rede de establecementos colaboradores mediante a que poder levar alimentos e produtos de primeira necesidade aos domicilios destas persoas maiores, sen familia ou redes de apoio social. Os negocios dispostos a sumarse a este proxecto de venda a domicilio diaria mediada polo Concello deberán chamar ao teléfono 650 477 503 para darse de alta.
Ademais, desde o goberno local queren chegar á totalidade da poboación que poida atoparse actualmente nese estado de desamparo ou vulnerabilidade. Por iso, solicita aos veciños e veciñas de Cariño que se poñan en contacto co Concello se coñecen novos casos de persoas que, debido á crise xerada pola expansión do coronavirus, pasasen a estar nesta situación.
Poderán facelo nun teléfono específico habilitado para este fin (981 420 206) en horario de 9 a 13 horas, mediante mensaxes privadas na páxina oficial do Concello en Facebook ou ben a través do correo electrónico concello@concellodecarino.gal.