Cariño investirá máis de 800.000 euros en renovar todo o sistema de iluminación pública por LED

Será o primeiro municipio que realice un proxecto integral deste tipo, co que espera aforrar uns 65.000 euros ao ano
SANYO DIGITAL CAMERA

O pasado pleno municipal de Cariño aprobou por unanimidade o proceso de licitación do contrato para renovar a tecnoloxía LED toda a iluminación pública do municipio.  A actuación, que entrará a licitación a próxima semana e que conta cun orzamento de 802.821 euros, supón un ambicioso proxecto de mellora da iluminación pública no municipio: modernizarase o sistema, cambiaranse os puntos de luz e lograrase un significativo aforro.

O concello será o primeiro en transformar toda a iluminación pública a tecnoloxía LED a través dun contrato exclusivamente público sen a intermediación de entidades privadas. A través deste proxecto cambiaranse a LED 1.546 luminarias e 23 cadros de mando. A renovación dos cadros por outros máis modernos que contan con sistemas de control remoto permitirá acender, apagar ou regular a intensidade de cada unha das luminarias en calquera momento e sen ter que acceder fisicamente ao sistema, simplemente a través dun teléfono móbil.

Para financiar estes traballos o Concello recibiu unha subvención do Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía (IDAE). A través dos fondos FEDER da Unión Europea achegará 642.256 euros, o oitenta por cento, sendo os outros 160.564 euros achegados desde as arcas municipais. Así, completarase a renovación da iluminación pública no municipio, un plan que xa iniciou o goberno local a través doutras actuacións como a renovación de luminarias en Feás, Figueiroa e Sismundi.

Eficiencia enerxética e aforro

O aforro económico será cuantioso, xa que dos aproximadamente 100.000 euros que se gastan agora anualmente na iluminación pública estímase que se aforrarán 65.000 euros, pasando así a gastar un total de 35.000 euros ao ano. Isto é así porque, debido ás características do LED, ao baixar a potencia das lámpadas pódese optar a potencias contratadas menores. En canto ao consumo reducirase preto dun 50% o e ademais gañarase en visibilidade debido á maior potencia lumínica das lámpadas tipo LED.

O alcalde, José Miguel Alonso Pumar, destacou as vantaxes desta actuación xa que “o aforro que conleva permitirá amortizar en 3 anos o achegado polas arcas municipais. A partir de aí, cada exercicio haberá un aforro importante con respecto á situación actual que permitirá investir ese diñeiro en máis servizos para os veciños”. Ademais, quixo resaltar que “isto é un claro exemplo de que fóra das grandes urbes pódese cumprir cos compromisos da Unión Europea co planeta”.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.