Cariño saca a licitación por 126.000 euros a urbanización da rúa de O Cadro

A rúa será de sentido único, con beirarrúas a ambos os dous lados e zona de aparcamento.

O Concello de Cariño acaba de sacar a licitación a urbanización da rúa de O Cadro, o barrio con máis poboación da parroquia da Pedra. Esta actuación, que supoñerá unha reurbanización integral da vía, conta cun orzamento de 126.000 euros.

Este proxecto foi totalmente participativo xa que se acordou o anteproxecto coas demandas dos veciños e veciñas da zona. A decisión xurdida deste encontro foi que a vía se habilitase en sentido único, xa que o ancho actual non é suficiente para facela de dobre sentido e ademais incluír beirarrúas e aparcamento.

A actuación consistirá na demolición do actual firme, en rega asfáltico, que será mellorado por unha capa de aglomerado. Despois, instalaranse beirarrúas a ambos os dous lados da vía para mellorar a seguridade peonil e, por último sinalizarase a zona creando espazo para o aparcamento a un dos lados e colocarase mobiliario urbano como bancos e papeleiras. Aproveitarase tamén a obra para mellorar os servizos de iluminación, saneamento e pluviais.

O prazo para a presentación de ofertas finaliza o 22 de xuño e o tempo estimado de execución dos traballos é de 4 meses desde o seu inicio.

Salir de la versión móvil