Escapadas – Cantís de Vixía de Herbeira e San Andrés de Teixido

Natureza e lendas, lugares para desconectar da rutina diaria. Os cantís de Herbeira ofrecen unhas vistas privilexiadas, moi preto do santuario de Teixido

Roberto Rey

Vixía de Herbeira, 615 metros por enriba do nivel do mar, é o teito da serra da Capelada, conformando algúns dos cantís máis elevados da Europa continental. Os que alí se achegan poden gozar dunhas espectaculares vistas da costa norte galega, nun tramo litoral aberto ao Atlántico entre o cabo Ortegal e a enseada de San Andrés de Teixido.

As mellores vistas atoparémolas no seu punto máis elevado, a garita de Herbeira. É unha antiga caseta de pedra construída no século XVIII, que pola súa estratéxica situación formaba parte dunha serie de postos de vixilancia costeira e marítima da costa

É sen dúbida un dos recunchos máis belos da comarca, un escenario fantástico con muíños de vento, cabalos salvaxes, aire puro e natureza. Unha parada obrigatoria!

Nada mellor que pasar despois polo santuario de San Andrés de Teixido, unha igrexa de estilo gótico-barroco dos séculos XVI e XVIII. A torre campanario que data do século XVIII, de base cadrada, está formada por tres corpos decrecentes e cúpula rematada en pináculo. Este santuario é punto de peregrinación de moitos galegos e foráneos.

Segundo conta a lenda, San Andrés, un dos doce apóstolos, chegou navegando ata os cantís próximos, onde envorcou a súa embarcación. Ninguén lle prestou axuda, pero recibiu de Deus a promesa de que tería un santuario e unha romaría ata o fin do mundo, aos que, vivos ou mortos, acudirían todos os mortais. Unha visita obrigada pois, como di a lenda, “vai de morto quen non foi de vivo”.

Trátase dos cantís en mar aberto máis altos de toda Europa (considerando que os fiordes noruegueses non son realmente cantís, senón vales glaciares inundados polo mar) e os cuartos na clasificación europea, se temos en conta os cantís insulares de Noruega, Illas Feroe e Irlanda, segundo a información de Turismo de Cedeira. Debido á altitude, á pendente dos cantís e á proximidade do mar neste punto, pódese afirmar que estamos ante un lugar único en Europa.

As vistas desde este impresionante miradoiro abranguen punta Tarroiba e punta Balteira ao sur (á nosa esquerda), así como a poboación de Cedeira e parte da súa ría. Nos días máis despexados é posible albiscar punta Frouxeira, no veciño concello de Valdoviño, e cabo Prior, en Ferrol; incluso se poden chegar a ver as illas Sisargas, a máis de 80 km de distancia. As puntas do Cadro e do Limo son visibles ao norte (á nosa dereita), así como as illas Gabeiras, ao pé do cantil. O edificio de pedra ás nosas costas é unha antiga garita de vixilancia construída polos veciños de Cedeira no ano 1805 que foi restaurada en 2003.

Cedeira é un territorio de excepción para os amantes da natureza e o turismo activo en xeral. Poderás descubrir rincóns únicos: cantís de impresión, areais virxes, paisaxes salvaxes, flora e fauna endémica… Se optas polas rutas por libre, lembra ser sempre respectuoso co medio: leva o teu lixo contigo e respecta á fauna salvaxe.

Salir de la versión móvil