Ante a tardanza do envío de subministración de material de protección individual por parte das administracións competentes, o Concello de Cariño decidiu facer unha nova entrega de material pola súa conta entre as traballadoras do Servizo de Axuda non Fogar e os profesionais do centro de saúde do municipio.
Grazas á colaboración do Concello con Makers Valdoviño e coa Asociación Patchwork Cariño, o goberno local puido facer provisión de 50 pantallas de protección facial e 125 máscaras de tea. Onte xa comezaron a entregarse estes equipos de defensa aos traballadores sinalados anteriormente.
O alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, explicou que se decidiu facer a entrega deste material en primeiro lugar ás auxiliares do SAF “xa que son o colectivo profesional municipal que soporta un maior risco día a día” e aos profesionais do centro médico “para que, como sucede no Hospital Arquitecto Marcide, tamén dispoñan deste tipo de defensa”.
Alonso Pumar aclarou que continuarán coa repartición entre outros colectivos de risco xa que “estamos á espera de recibir máis unidades nos próximos días para entregar nas farmacias, tendas de repartición a domicilio e puntos de atención en servizos básicos” porque “son fundamentais para levar a cabo o seu traballo con todas as garantías de hixiene e prevención”.
Por último, quixo agradecer tanto a Makers Valdoviño como á Asociación Patchwork Cariño “o seu apoio e o seu traballo totalmente desinteresado para cubrir unha demanda realmente importante na crise sanitaria que vivimos” e expresou o seu desexo de que “pronto recibamos material homologado por parte doutras administracións pero mentres temos que dicir que estamos moi orgullosos da nosa sociedade”.