O pleno do Concello de Cerdido aprobou o pasado mércores, 29 de marzo, un orzamento de 1,2 millóns de euros para este ano 2023 conxelando, un ano máis, as taxas e impostos para non gravar as economías dos veciños e veciñas. Trátase dun orzamento que destaca a súa aposta polas políticas de carácter social e a prestación de servizos durante os 365 días do ano ás persoas máis vulnerables.
Os 1.256.512 euros non contemplan o proxecto do IDAE, unha actuación que conta cun investimento de 550.000 euros, que está a permitir o cambio de luminarias en todo o termo municipal, nin a actuación na Casa da Cultura para crear a Casa do maior, unha oficina de coworking e aulas de formación a través dos Fondos de Transición Xusta, cunha partida de 461.000 euros. Ambos proxectos, que xa están aprobados pero non veñen reflexados no orzamento, dobrarán esta cantidade.
Ademais, o Concello de Cerdido remata o ano con débeda cero e con remanente positivo de tesorería o que, en palabras do alcalde, Benigno Galego, significa “que se está a facer unha xestión eficiente e eficaz dos recursos públicos por parte do noso equipo de Goberno”. O rexedor engade que “son uns orzamentos nos que priman as políticas de carácter social e que contemplan investimentos que redunden no beneficio da veciñanza de Cerdido”.