Cerdido instalará unha depuradora en A Barqueira con fondos do Plan Único da Deputación

A inversión superará os 62.000 euros e terá capacidade para depurar a carga contaminante de 200 veciños

O Concello de Cerdido investirá 62.359 euros dos fondos adicionais do Plan Único (POS+2019) na instalación dunha EDAR en Abruñeiros (A Barqueira), que repercutirá nunha mellora da calidade ambiental da zona. As obras, financiadas integramente pola Deputación da Coruña, están en fase de licitación pública na Plataforma de Contratación do Estado ata o 2 de agosto.

As obras permitirán dotar á zona dunha depuradora con decantador e leito bacteriano con capacidade para depurar a carga contaminante correspondente a 200 habitantes. Contémplase asimismo a canalización de 92 metros de tubería de PVC e a a execución de tres pozos de rexistro para conectar a rede de saneamento coa estación depuradora.

O alcalde de Benigno Galego, declarou que o obxecto da presente actuación é a construción da nova EDAR para conseguir a depuración das augas residuais nas condicións de vertedura que esixe a normativa vixente. “O Concello é consciente de que calquera achega para a mellora do medioambiente redundará sen dúbida na calidade de vida dos veciños e a protección do medio”, apuntou o rexedor local.

Salir de la versión móvil