Cerdido recibe ao primeiro alumno do programa ‘Campus Rural’

Este programa permite que os universitarios de calquera titulación oficial poidan levar a cabo prácticas académicas en entornos rurais

Casa do Concello de Cerdido

O Concello de Cerdido solicitou a participación no Programa ‘Campus Rural’ de prácticas universitarias no medio rural, unha iniciativa do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, en colaboración co Ministerio de Universidades e as universidades públicas españolas.

Este programa permite que os universitarios de calquera titulación oficial poidan levar a cabo prácticas académicas, curriculares e extracurriculares en entornos rurais.

Como resultado disto, Cerdido terá un arquitecto en prácticas durante tres meses. O alcalde, Benigno Galego, asinou o convenio co rector da UDC, Julio Abalde, e o novo titulado comezará as prácticas en breve, supervisado polo arquitecto municipal.

“É moi importante participar neste programa para axilizar trámites e facilitar as xestións da veciñanza; en Cerdido traballamos buscando oportunidades que permitan mellorar os servizos e que non supoñan un incremento dos gastos do concello”, explica o alcalde.

“Dende o concello valoramos de forma moi positiva esta iniciativa do goberno de España porque promove a formación e a experiencia dende o rural; isto contribúe a que os estudantes universitarios visibilicen as oportunidades que hai no rural”, engade Galego.

Salir de la versión móvil