Dende a administración local de Cerdido ponse en marcha esta actividade cultural que achegará unha proxección infantil de comedia familiar destinada aos máis pequenos da casa, outra para todos os públicos e finalmente unha para maiores de 16 anos. Así preténdese dinamizar a época estival que este ano polas restricións impostas pola pandemia minguou as posibilidades de lecer familiar e festas populares.
A intención do goberno local é que as tres parroquias poidan gozar dunha programación moi demandada este ano como é o cinema ó aire libre. As proxecións empezarán o venres 7 de agosto no campo da igrexa de Os Casás coa película «A galiña turuleca», e continuarán os días 29 de agosto en Vila dá Igrexa Cerdido e por último o 4 de setembro en Felgosas A Barqueira. Será obrigatorio acudir con máscara e respectar a distancia de seguridade entre persoas que non convivan no mesmo domicilio.
Para maior seguridade recoméndase reservar cadeira chamando ao teléfono 981 411000. Cos límites que impoñerá esta nova normalidade -e sempre que non se produza regresión no control da epidemia-, estes espazos para o reencontro nas noites estivais serán unha boa alternativa de lecer este verán en Cerdido.
En caso de mal tempo comunicarase o cambio de localización nas redes sociais do Concello e chamarase por teléfono ás persoas rexistradas.