O Concello de Ortigueira convocou hoxe ao mediodía aos veciños e veciñas a gardar un minuto de silencio pola morte de Cristóbal Doce Ríos, que perdeu a vida nun acto violento. A praza de Isabel II encheouse de xente e entre os asistentes estaban o pai e un tío do falecido, xunto con outros familiares e amigos, acompañados polo goberno local, membros da corporación, traballadores municipais e veciños e veciñas.
Foi un acto especialmente emotivo e triste, no que o alcalde e os veciños transmitiron o pésame á familia e achegados. “Queremos expresar a máis enérxica condena ante calquera tipo de violencia”, dixo o alcalde, ao tempo que engadiu que é necesaria tolerancia cero ante estes actos que tan só enchen de dor e tristura.
A súa intervención concluíu destacando que “ao mesmo tempo debemos ser fortes, mostrar respecto e deixar que a xustiza actúe”. A continuación gardouse o minuto de silencio. O rexedor municipal decretou o día de hoxe como de loito oficial en Ortigueira polo suceso.