O candidato socialista á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, visitou onte a comarca de Ortegal cunha primeira parada en Cariño antes dun acto público en Ortigueira. Alí estiveron os alcaldes de Cariño, Cedeira, Ortigueira e Cerdido, ademais da candidatura socialista pola provincia da Coruña, que conta con José Luis Vergara e Áurea Vázquez como representantes da bisbarra.
Na súa xuntanza cos alcaldes, Gonzalo Caballero comprometeuse coa execución da vía de alta capacidade da Costa Norte, así como coa rehabilitación da lonxa de Cariño e cun proxecto de desenvolvemento urbano que incorpore a dispoñibilidade para a cidadanía de terreos portuarios.
Ademais, asegurou que un goberno socialista na Xunta «apostará polo reforzo da sanidade pública tras os 11 anos de recortes do PP de Feijóo», que mantén a Cedeira sen pediatra e obriga a varios concellos a compartir un único profesional de atención aos pequenos. Do mesmo xeito, sinalou a educación pública como outra bandeira do seu goberno, e reprobou a retirada de profesores de apoio nesta bisbarra.
É por iso que o candidato socialista chamou á participación da “Galicia que non se resigna” nas eleccións do vindeiro 12 de xullo, para dar a Galicia un goberno de progreso “en sintonía coa maioría dos concellos desta bisbarra e cos alcaldes socialistas que teñen a maioría dos galegos e das galegas”, así como co goberno de España.
“Fixémolo hai uns meses nas eleccións municipais e de novo nas xerais, e agora temos que encarar o futuro apostando tamén pola vía do progreso”, destacou Gonzalo Caballero, consciente de que Feijóo “deixa Galicia en peores condicións das que a atopou”, con “peores servizos públicos, menos xente, menos emprego e a sanidade recortada”. Proba diso é que Galicia ten hoxe 70.000 empregos menos, un déficit de 2.000 millóns de euros na sanidade pública e unhas 500 camas menos nos hospitais públicos.