O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad, considera un “paso adiante importante” a recuperación de servizos de tren de vía estreita entre Ortigueira e Ferrol anunciado por Renfe, que entrará en vigor a partir do vindeiro luns, 9 de novembro. Muras sostén que deste xeito aténdense as necesidades reais dos concellos polos que discorre esta liña férrea, tal e como lles foron trasladas aos responsables da compañía ferroviaria nun encontro celebrado hai pouco máis de 15 días cos alcaldes de Ortigueira, Moeche, Cerdido, San Sadurniño e Burela.
Desde a semana que vén haberá dous servizos máis de luns a venres, con saída de Ortigueira ás 6:35 horas e chegada a Ferrol ás 7:51. En sentido inverso sairá de Ferrol ás 20:05 horas para chegar a Ortigueira ás 21:22. Tamén circulará un tren máis os domingos, neste caso con saída de Ferrol ás 20:52 e chegada a Ortigueira ás 22:09.
O rexedor ortegano destacou especialmente a importancia de que se recuperen os horarios de primeira hora da mañá desde Ortigueira e última hora da tarde desde Ferrol porque son os que verdadeiramente necesitaba a poboación, tanto por razóns laborais ou educativas como para acudir a citas médicas ou a realizar xestións de calquera tipo. Tamén expresou o seu desexo de que os servizos funcionen correctamente tanto no cumprimento de horarios como no bo estado do material ferroviario.
«Agora -engadiu- trátase de seguir dando pasos, porque aínda hai moito por facer para rematar co illamento da zona en materia de comunicación». Neste sentido fixo especial referencia á unidade dos alcaldes, que está dando os seus froitos neste e noutros temas, como o proxecto de Xeoparque. Cos novos servizos de Renfe, a oferta diaria será de 16 trens entre as dúas localidades de luns a venres; de catro os sábados e de cinco os domingos.