O PSOE tentará revalidar a súa hexemonía municipal nas tres comarcas de Ferrolterra

Actualmente os socialistas gobernan en solitario en Ferrol, Pontedeume, As Pontes, Cedeira, Ares, Cerdido, Monfero, A Capela, Neda, Cariño, Ortigueira e Valdoviño
A Portavoz do Goberno de España,
Isabel Rodríguez, arroupou aos
candidatos socialistas de toda a
comarca de Ferrol na que buscan aumentar a súa forza municipal.
A Portavoz do Goberno de España, Isabel Rodríguez, arroupou aos candidatos socialistas de toda a comarca de Ferrol na que buscan aumentar a súa forza municipal.

Máis de 175.000 veciños de Ferrol, Eume y Ortegal están chamados ás urnas o próximo 28 de maio para elixir novos representantes municipais. O estudos demoscópicos non auguran grandes cambios de cara a estas eleccións que os grandes partidos xa debuxan en forma de plebiscito do que pode acontecer nas xerais de novembro. Nas tres comarcas o PSdeG mantén desde a última convocatoria electoral unha holgada hexemonía que tentará manter para este próximo mandato, durante o cal non só se celebrarán eleccións xerais, senón tamén autonómicas. Actualmente os socialistas gobernan en solitario en Ferrol, Pontedeume, As Pontes, Cedeira, Ares, Cerdido, Monfero, A Capela, Neda, Cariño, Ortigueira e Valdoviño. E cogobernan co BNG en Cabanas. Os nacionalistas teñen o bastón de mando en Fene, Moeche e San Sadurniño, mentres que o Partido Popular segue a ser a forza maioritaria en As Somozas, Mañón e Mugardos. Pola súa banda, Narón segue a estar en mans de Terra Galega. As enquisas e as avultadas maiorías coas que contan os partidos nalgúns destes municipios fai augurar un mapa moi similar ao actual de cara ao próximo mandato.

A praza máis importante, por ser o concello cabeceira das comarcas e o máis poboado, Ferrol, é precisamente onde máis disputa parece haber para afrontar o 28-M. Os populares de Rey Varela foron a forza máis votada nos anteriores comicios, con 12 concelleiros, a un da maioría absoluta —apenas a un milleiro de votos —, pero o bloque de esquerdas facilitou o goberno en minoría do socialista Ángel Mato, que tentará facer historia sendo o primeiro rexedor que repite mandato na cidade departamental. Con todo, as primeiras sondaxes apuntan a que será de novo José Manuel Rey Varela o que repita como alcalde de Ferrol con 13 ou 14 concelleiros. As mesmas enquisas, aínda prematuras, reflicten un avultado abstencionismo no votante de esquerdas e mesmo un gran número de indecisos naqueles que nas anteriores eleccións deron os seus votos ao bloque de esquerdas. Mobilizar a parte deste electorado poderá decantar a balanza en Ferrol.

Na segunda grande urbe das comarcas, Narón, todo apunta a que Marián Ferreiro revalidará a Alcaldía, pero falta por saber se logrará a ansiada maioría absoluta. Ao igual que Rey Varela, a líder de Terra Galega está a un concelleiro de poder gobernar en solitario. Un obxectivo máis necesario ca nunca tralos cambios que o PSdeG realizou na agrupación local onde o novo candidato, Jorge Ulla, anunciou que o partido deixará de ser “unha muleta de TEGA” e aspira a recuperar a súa “propia voz”. Máis calmo está o panorama noutros municipios da comarca de Ferrol onde o PSdeG goberna con suficiente maioría. É o caso do socialista Alberto González en Valdoviño, que conta con 9 dos 13 concelleiros da corporación e opta ao seu terceiro mandato, o segundo con maioría absoluta.

Un caso similar é o de Pablo Moreda en Cedeira. Tras un primeiro mandato en 2015 co apoio do BNG e Anova, nas pasadas eleccións conseguiu a maioría absoluta, pasando de 3 concelleiros a 7. Lonxe de arrebatarlle o bastón de mando está o PP, con 4 edís e o BNG con dous. Os populares presentan ao exalcalde de Moeche, Xulio Cribeiro, como cabeza de lista para recuperar un municipio no que os conservadores teñen gobernado durante varios mandatos.

Tamén loitará polo seu terceiro mandato consecutivo Ángel Alvariño en Neda, que goberna con ampla maioría unha corporación na que o PSOE ten 9 concelleiros, dous o PP e un tanto o BNG como a formación política Moveneda. O empresario nedense Eladio Romero é a aposta dos populares para arrebatarlle a Alcaldía ao PSdeG oito anos despois. Outras das maiorías absolutas que os socialistas ostentan na comarca é a do alcalde aresán Julio Iglesias, no cargo desde 2007. O dirixente socialista conta cunha ampla marxe para revalidar o seu cuarto mandato. Nas pasadas eleccións logrou 7 dos 13 edís, deixando ao PP en 3 e ao BNG con 2.

Actual mapa de alcaldías nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal

No caso da comarca do Eume, o mapa atópase actualmente tinguido totalmente de vermello. Goberna o PSdeG nos cinco concellos e en catro deles con amplas maiorías. O actual presidente da Deputación e líder dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, volverá presentarse á reelección como alcalde de As Pontes, localidade que goberna dende 2007. Dáse a circunstancia de que o concello perderá nestes comicios catro edís —de 17 a 13— debido a que a súa poboación baixou dos 10.000 veciños, polo que o reparto dos votos para acadar un edil vai variar nestes comicios.

Tamén aspira a súa terceira maioría absoluta o alcalde de Pontedeume e secretario xeral dos socialistas coruñeses, Bernardo Fernández. Xunto co alcalde valdoviñés, o socialista ostenta unha das maiorías máis amplas do PSdeG nas comarcas con 9 dos 13 edís, mentres que o PP e o BNG teñen dous edís cada un. Ambos partidos repiten cabezas de lista neste 28-M. Tamén reeditarán a súa candidatura á Alcaldía os actuais socios de goberno en Cabanas. O alcalde socialista Carlos Ladra e o tenente de alcalde do BNG, Iago Varela, volverán presentarse como alcaldables para tratar que o Partido Popular, que foi a forza máis votada en 2019, non acade a maioría absoluta. Actualmente os conservadores teñen 4 edís, O PSdeG 3 e Bloque 2. Como novidade, os socialistas anunciaron que Eva García Amor, edil de Asociación de Electores de Cabanas, se integrará na súa lista.

Dous históricos alcaldes eumeses, Manuel Meizoso e Andrés Feal, volven a aspirar ás alcaldías de A Capela e Monfero, respectivamente. Ambos contan con maiorías absolutas. Para Meizoso este será o seu cuarto mandato se volve obter o bastón a mando, que ostenta con 5 dos nove edís da corporación. Os mesmo que ten Andrés Feal en Monfero, con PP como terceira forza e o BNG cun solo concelleiro. O rexedor monferés é un dos máis veteranos de Galicia, ostentando a alcaldía desde 1987 de forma ininterrompida, salvo no mandato de 2011 a 2015. Onde os socialistas non van repetir candidato é en Cerdido. O actual alcalde, Benigno Galego, cédelle a testemuña a Brais Prieto como cabeza de lista para optar ao goberno do concello ortegano. Nas municipais de 2015 foi elixido alcalde con maioría absoluta e reelixido nas municipais de 2019 obtendo 7 concelleiros de 9. Camiño do seu terceiro mandato preséntase tamén Miguel Alonso Pumar en Cariño. Nas eleccións municipais de 2015 encabezou por primeira vez a candidatura do PSdeG na vila, acadando ser a lista máis votada e obtendo a alcaldía por maioría simple. Nas eleccións municipais de 2019 revalidou o cargo con maioría absoluta, desta volta acadando 7 concelleiros dun total de 11, o que supón o mellor resultado histórico do PSdeG en Cariño.

Tamén desde 2015 goberna en Ortigueira o actual candidato do PSdeG, Juan Penabad, que logrou desbancar ese ano ao Partido Popular nun dos feudos conservadores da comarca. O bastón de mando de Ortigueira é un dos máis pelexados, xa que os socialistas gobernan tan só con 6 concelleiros mentres que o PP acadou 5 edís, Centristas Ortigueira 1 e Primeiro Ortigueira outro. Valentín Calvín, unha das apostas fortes do PP nas comarcas, volverá concorrer como cabeza de lista. No outro municipio do Ortegal, Mañón, o actual rexedor, Alfredo Dovale será por primeira vez candidato á Alcaldía. O popular tomou posesión do cargo na metade do mandato trala morte do que ocupara o cargo durante 34 anos, Alfonso Balseiro. A pesar do pasamento do histórico líder dos populares no concello, a ampla maioría do PP na corporación, con 6 de 9 edís, non parece estar en risco.

Outro dos bastións do Partido Popular é As Somozas, con Alfonso Tembrás ao fronte. En 2014 accedeu á alcaldía logo do falecemento do seu antecesor, Manuel Candocia. Nas municipais de 2015 foi o candidato do PPdeG e foi elixido alcalde ao obter todos os concelleiros, pero nas últimas eleccións perdeu tres edís; 2 foron parar a Alternativa por Somozas e un para o PSdeG. Nun dos feudos históricos do PP en Galicia, a terceira alcaldía consecutiva para Tembrás parece asegurada. Onde os populares van ter que pelexar o sillón municipal será en Mugardos. É un dos concellos coa corporación máis repartida. De feito, o bloque de esquerdas, formado polo PSdeG (3 edís), EU (4 edís) e BNG (1) conta cunha maioría suficiente para arrebatarlle a alcaldía a Juan Domingo de Deus, pero as discrepancias entre eles déronlle ao partido conservador o mandato. Deus foi elixido alcalde de Mugardos en 2015. Deixou a alcaldía en agosto de 2016, logo de prosperar unha moción de censura presentada conxuntamente por EU, Iniciativa Cidadá de Mugardos (ICM) e BNG.En decembro de 2019 volveu ser elixido alcalde tras prosperar unha moción de censura apoiada polos tres concelleiros do PSdeG.

Outra praza revolta politicamente é Fene, o terceiro municipio máis poboado das comarcas e un dos motores industriais da zona. Neste concello gobernado polo nacionalista Juventino Trigo tras unha moción de censura, o BNG conta con 6 edís, os mesmos que o PP, mentres que o PSdeG ten 4 e Esquerda Unida un. O actual rexedor repite como candidato do Bloque e tamén o que fora alcalde popular Gumersindo Galego, mentres que o PSdeG elixiu a Joaquín Ayala, actual secretario xeral da agrupación municipal, para tratar de mellorar o actual resultado.

Onde semella que o Bloque non vai ter problemas para reeditar a alcaldía é nos dous grandes feudos nacionalistas da comarca. De feito, en Moeche soamente concorren aos comicios do 28-M o BNG, que ostenta unha maioría absoluta de 6 de 9 concelleiros, e o PP, que ten os 3 restantes. Os socialistas non pugnarán por esta praza. En San Sadurniño o alcalde Secundino García ostenta tamén unha ampla maioría absoluta desde o 2011. Actualmente ten 7 concelleiros, por 3 do PP e 1 do PSdeG. Esta é a oitava candidatura de Secundino García, que encabeza as listas do BNG dende as eleccións municipais de 1991.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.