O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe xunto ao alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, a estrada DP-6104 que da acceso aos cantís de Loiba, que será ampliada e mellorada cun investimento provincial cercano ao millón de euros, dos que 737.929 corresponden á execución das obras e 203.312 ás expropiacións de terreos realizadas para poder levalas a cabo.
González Formoso anunciou que a empresa adxudicataria ten previsto iniciar os traballos a finais deste mesmo mes de marzo, mentres avanza nos trámites coas empresas eléctricas e telefónicas para o traslado dos postes destes servizos, que se verán afectados polo ancheamento do vial.
O presidente da Deputación destacou que a ampliación desta estrada provincial “é un dos proxectos con maior investimento dos que manexará o servizo provincial de Vías e Obras durante 2020” e servirá para mellorar a seguridade e facilitar a circulación nun vial moi estreito, con apenas catro metros de ancho en moitos puntos, pero que conta cun importante volume de tráfico, especialmente na época estival, pois da acceso aos espectaculares cantís da zona e ao banco de Loiba, coñecido como “o banco máis bonito do mundo”, que atraen a milleiros de visitantes.
Segundo as medicións realizadas pola Deputación, arredor 20.000 vehículos circulan por esta estrada provincial nos meses de verán, o que xustifica este importante investimento para garantir a seguridade nos accesos. Nas inmediacións da glorieta disporanse sendas áreas de estacionamento para vehículos. Unha delas destinada exclusivamente a autobuses e outra para turismos e motocicletas. A capacidade estimada é de catro autobuses, 10 motocicletas e 35 turismos. Resérvase tamén unha zona para estacionamento para de vehículos de persoas con discapacidade.
Nos 250 metros que separan o aparcamento da zona de O Picón construírase unha senda de 2 metros de ancho que contribuirá a mellorar a seguridade peonil.