O alcalde de Ortigueira pide aos bancos que revisen os seus protocolos para evitar algomeracións

Juan Penabad cree que a solución pasa por facilitar algúns dos trámites de forma telefónica ou con cartas postais

O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad, púxose en contacto coas entidades bancarias do municipio para pedirlles que fagan o posible por revisar os protocolos de actuación durante a crise sanitaria, de forma que se lles faciliten as xestións aos clientes sen causarlles problemas, pero evitando que se formen aglomeracións diante das sucursais. A petición vén dada polos informes da Policía Local xa que é precisamente diante dos bancos onde se rexistran os maiores problemas para respectar as normas de seguridade e evitar o contaxio do Covid-19, porque no interior das sucursais só se atende a un usuario cada vez.

Dado que Ortigueira ten un elevado índice de poboación maior de 60 anos e moitas persoas que non disponen de tarxeta nin están familiarizadas coas novas tecnoloxías e viven soas, Penabad solicita que se adopten algunha medidas, como facilitar que os clientes poidan solicitar por teléfono calquera información que necesiten relacionada coa declaración do IRPF, o saldo das súas contas e que esta lle sexa enviada por correo postal aos seus domicilios.

Tamén solicita que se permita a retirada de cartos en efectivo sen importe mínimo e que, en determinadas datas, como os días de cobro dalgunhas prestacións, incrementar o horario de atención ao público e o persoal para atendelo de xeito que poidan estar varios clientes á vez no interior da sucursal mantendo a distancia mínima de seguridade.

O alcalde di na carta enviada aos bancos que é coñecedor de que “se estableceron protocolos para que os clientes teñan que acudir ás oficinas o menos posible”, pero que “non están a dar os resultados esperados“, ben por descoñecemento dos usuarios ou porque por diferentes circunstancias non saben ou non poden utilizar outros medios para realizar as súas xestións.

 

Salir de la versión móvil