O goberno de Ortigueira dispoñerá 200.000 euros para axudar aos negocios afectados polo peche durante o estado de alarma

A proposta, que consta de dúas liñas de subvencións de 1.000 e 600 euros, deberá ser aprobada no pleno

O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, expuso onte aos voceiros dos grupos políticos municipais a proposta de axudas municipais para os sectores que cesaron na súa actividade como consecuencia da declaración do estado de alarma ou que viron reducida notablemente a súa facturación. O programa, elaborado pola Concellería de Promoción Económica contempla axudas para autónomos e empresas por un importe inicial de 200.000 euros, aínda que podería incrementarse se resulta necesario.

O acordo alcanzado co apoio dos portavoces municipais -que aínda está pendente da aprobación plenaria- supón que os que tiveron que paralizar o traballo recibirán unha achega de 1.000 euros, mentres que os que rexistraron perdas significativas obterán 600 euros. “Vamos ir tomando decisións en previsión do que poida vir e diante da nova situación económica que haberá que enfrontar como consecuencia do coronavirus”, dixo o alcalde, “e dentro de esa liña o goberno local reservará a porcentaxe do remanente de tesourería que pode usar legalmente, aínda que cremos que as partidas que temos son suficientes polo de agora para facer fronte á situación”.

A intención do alcalde é que as axudas se poidan convocar o máis axiña posible e agarda tamén que outras institucións actúen do mesmo xeito. “Os Concellos, en xeral, temos os recursos que temos e estamos a facer consenso para axudar aos nosos veciños e veciñas, por iso pido tamén que as administracións supramunicipais axilicen as súas liñas de subvencións para autónomos e empresas”, argumentou.

O rexedor municipal expresou a súa disposición para conseguir un consenso o máis amplo posible co resto dos grupos que forman parte da corporación e, neste sentido, agradeceu a “responsabilidade e sentido institucional” das forzas políticas.

Salir de la versión móvil