O pleno de Ortigueira aproba a liña de axuda a autónomos e pemes afectados pola crise Covid

O goberno local traballa nun borrador para sacar outra convocatoria só do sector primario

O pleno do Concello de Ortigueira aprobou as bases para a convocatoria das axudas a autónomos, pemes e micropemes nunha sesión na que a proposta do goberno saiu adiante aínda que con moito debate. A oposición criticou que as subvencións non se estendan ao sector primario, chegando a asegurar que as bases eran discriminatorias. A portavoz do goberno local, Auri Vázquez, recoñeceu que as actividades do sector primario “son moi importantes e hai que apoialas, como está previsto facer, pero engadiu que -aínda con perdas- non deixaron de funcionar durante o estado de alarma, mentres que foron moitos os autónomos e pequenas empresas de hostalería e comercio os que tiveron que cesar na súa actividade”.

Son estes últimos colectivos os que se beneficiarán agora dos 200.000 euros reservados para estas axudas, unha cantidade que se aumentará se é necesario. Recibirán 1.000 euros nos casos nos que tiveron que pechar os seus negocios, e 600 cando tiveran perdas do 75% con respecto aos ingresos anteriores.

O alcalde, Juan Penabad Muras, explicou, pola súa banda, que o goberno optou “por facer unha convocatoria separada para o sector primario” cuxo borrador será entregado aos grupos da oposición a principios da próxima semana. Trátase precisamente, engadiu o rexedor, “de non deixar a ninguén atrás e non de dar privilexios”.

A reserva de crédito para estas axudas foi aprobada tamén no pleno cos votos do goberno e de Primeiro Ortigueira, mentres que o PP e Centristas abstivéronse. O debate resultou tenso por momentos e alcalde lamentou que a oposición “busque sempre fisuras, en lugar de demostrar unión e de que prime o interese xeral.

Salir de la versión móvil