O pleno de Ortigueira aproba catro expedientes de crédito por valor de 131.000 euros

O goberno explicou que forman parte dun proceso de depuración de facturas que ten como obxectivo diminuír o período de pago a proveedores

Ayuntamiento de Ortigueira

O pleno do Concello de Ortigueira aprobou na súa sesión de onte catro expedientes de recoñecemento extraxudicial de créditos por un importe de 131.000 euros. A oposición abstívose en todos os casos, a excepción dun dos expedientes no que Centristas votou en contra.

Segundo explicou a portavoz do goberno e concelleira de Facenda, Auri Vázquez, o Concello está inmerso nun proceso de depuración de facturas, a maior parte procedentes do ano 2019 pero presentadas neste exercicio. O obxectivo principal deste proceso, engadiu, é diminuír o período medio de pago a provedores e empresas que prestan servizos ao Concello.

A voceira do goberno insistiu en que estes expedientes son un mecanismo regulamentario e aludiu á excepcional situación que se produxo como consecuencia da crise sanitaria como o motivo polo que se aparcou o traballo do orzamento. Ao mesmo tempo manifestou que conta coa oposición para confeccionar o vindeiro presuposto municipal.

O pleno deu tamén o visto bo a unha moción do goberno para firmar un convenio con Augas de Galicia polo que se prorrogará a xestión da Estación Depuradora de Aguas Residuais por parte deste organismo. A iniciativa saiu adiante por unanimidade e o acordo foi notificado hoxe mesmo á directora de Augas de Galicia, Teresa María Gutiérrez López para a continuidade da devandita xestión.

Tamén saiu adiante por unanimidade a moción presentada por Primeiro Ortigueira para a elaboración dun mapa da cobertura de Internet nas distintas zonas de Ortigueira e dun proxecto para dotar de conexión a todo o Concello, sobre todo nun momento no que o teletraballo e o ensino mixto -telemático e presencial- serán moi necesarios.

 

Salir de la versión móvil