Os autonómos e pemes de Ortigueira xa poden solicitar as axudas “anticovid” do Concello

Van destinadas aos negocios que tiveron que pechar ou perderon o 75% da facturación durante o Estado de Alarma

O Concello de Ortigueira abre mañá xoves, día 23 de xullo, o prazo para solicitar as axudas que concede a administración local destinadas a autónomos, pequenas e medianas empresas e micropemes con sede no termo municipal. Trátase de subvencións por importe de mil euros para aqueles negocios que tiveron que pechar as súas portas durante o estado de alarma, ou de 600 para os que rexistraron perdas do 75% ou máis con respecto aos ingresos anteriores como consecuencia da pandemia.

As solicitudes terán que presentarse a través da sede electrónica do Concello, dirixidas ao departamento de Promoción Económica e Emprego e o prazo é de 20 días hábiles. A administración municipal reservou unha partida de 200.000 euros para estas axudas, aínda que pode ser incrementada se é preciso.

Salir de la versión móvil