Pais e nais do CEIP Jose María Lage de Ortigueira denuncian unha inadecuada ordenación das aulas impostas polo centro

Varias familias quéixanse da falta de consenso coa directiva do centro, a cal está a aplicar unha organización do alumnado unitaria sen ter en conta as reclamacións pertinentes

Imagen de archivo de una clase

Varios pais e nais dos alumnos do CEIP Jose María Lage de Ortigueira reclaman un trato xusto tras este novo inicio ás aulas cheo de polémica. Os protocolos impostos polas administracións competentes, sumados ás decisións tomadas  dende a directiva dos centros están a traer máis dun quebradeiro de cabeza entre a comunidade educativa e os familiares do alumnado.

Unión das clases sen respectar rango de idades

O CEIP Jose María Lage de Ortigueira está composto por un total de 71 nenos e nenas divididos entre os cursos de 4º -26-, 5º -23- e 6º de infantil -22-. Tal e como indican as familias afectadas, a decisión final adoptada dende a directiva do centro foi a de facer clases mixtas de nenos de 3, 4 e 5 anos realizadas mediante sorteo, sen seguir ningún criterio previo e promovendo un ensino unitario.

“Esta medida lévase a cabo para non superar os ratios de 20 alumnos por aula que aconsellan dende os ministerios de Educación e Sanidade segundo nos informa o colexio dende un escrito. A 31 de agosto este ratio xa fora suprimido, e agora tan só se especifica no protocolo o distanciamento físico de 1,5 metros e de 5 nenos máximo por subgrupo dentro das aulas, polo que non hai ningún motivo para tomar esta medida”, explicaba unha das nais afectadas, a cal subliñaba que esta organización só atenta contra a saúde emocional e educativa das crianzas.

Diferentes solucións dende as administracións competentes

A única solución que ven os pais e nais afectados é voltar ao orde inicial, puidendo esixir un único desdobramento nas aulas de 3 anos xa que é a que maior ocupación presenta. “No caso da aula de 4º de infantil pedimos que se lle comunique á Xunta a necesidade dun novo docente para poder partir a clase en dous, mentres que as outras aulas non teñen a necesidade de facer ningún cambio con respecto ao último curso”.

Onte iniciáronse as clases no CEIP Jose María Lage, e a situación nas aulas foi desoladora posto que xa hai presentadas case 80 queixas e moitos fillos e fillas non acudiron á súa cita con este novo inicio de curso. “Estamos á espera de manter unha reunión con Inspección para que poida mediar e intentar cambiar a decisión adoptada pola dirección do centro”, afirmaba unha das nais.

O certo é que existe unha divisón palpable entre os propios pais e nais dos alumnos. De feito, desde o ANPA aseguran que lles ofreceron a este grupo de proxenitores contrarios á decisión do centro a celebrar unha asamblea para elevar unha queixa consensuada pola asociación, pero finalmente non se efectuou. Outro grupo de pais que tamén pertencen ao ANPA consideran que a dirección do CEIP adoptou a “mellor decisión posible dentro do protocolo” que vén imposto pola Consellería de Educación.

Mentres tanto, dende a dirección da propia escola non quixeron facer ningunha declaración ao respecto, polo que están a espera de que a relación entre as familias afectadas varíe.

Salir de la versión móvil