Onte xoves 17 de setembro o veleiro alemán «Milu» tivo que ser rescatado de urxencia cando este se atopaba a máis de 130 millas de distancia ao noroeste de Ortegal, debido a unha vía de auga que se formara tras a rachadura do casco da embarcación.
Os tres tripulantes que se atopaban a bordo, todos de nacionalidade xermana, tiveron que dar a voz de alarma ás 19:08 horas tras o gran susto que se levaron ao ver a auga entrar no interior do veleiro. Inmediatamente despois o Buque Nord Superior foi o que se puxo en comunicación con eles e solicitou a axuda das unidades de salvamento.
Ao lugar dos feitos desprazáronse dous dispositivos aéreos, o avión Sasemar 102 e o helicóptero Helimer 402, sendo este último o encargado de salvar aos tres tripulantes. Porén, a tarea máis difícil foi a de volver á costa debido ao gran temporal. De feito, dende Salvamento Marítimo aseguraron que a experiencia do piloto foi única debido a gran cantidade de tronos provocados pola tormenta. O helicóptero chegou a terra firme ás 20:30 horas.
Outro rescate pouco máis tarde
De feito, intres despois de deixar aos tres tripulantes nun lugar seguro, a mesma unidade aérea tivo que desprazarse a 50 millas da Coruña tras a chamada de alerta do Buque Ronja, dado que un dos tripulantes da embarcación estaba a sufrir un posible infarto.
Tras chegar ao lugar dos feitos e e realizar a evacuación médica, achegáronno ao municipio de Alvedro onde lle estaba a esperar unha ambulancia medicalizada. Porén, antes de chegar ao centro hospitalario as unidades movilizadas non puideron facer nada para salvar a vida do home.