Carballo clama contra o deterioro da lagoa de Baldaio

Este venres está convocada unha mobilización na ponte da ría para esixir unha intervención urxente que permita reabrir a canle de comunicación co mar
Lagoa Baldaio Carballo

A crecente preocupación polo estado da lagoa de Baldaio deu o salto á mobilización cidadá. Veciñanza, mariscadoras, mariscadores e usuarios habituais deste espazo natural convocaron para este venres, ás 20.30 horas, unha concentración na ponte da ría para esixir unha intervención urxente que permita reabrir a canle de comunicación co mar e frear o deterioro ambiental que sofre o humidal.

Os promotores da protesta alertan de que o peche da desembocadura, provocado pola acumulación de area, está agravando a situación día tras día e advirten de que, se non se actúa, o problema podería derivar de novo en inundacións durante o outono. Baixo o lema de que «non podemos permitir que este espazo se perda», fan un chamamento á participación cidadá para reclamar unha resposta contundente das administracións.

Como símbolo da protesta, os asistentes están convidados a levar unha pa de plástico de xoguete, coa intención de representar de maneira simbólica a retirada da area que bloquea a saída da lagoa ao mar. Con este xesto pretenden evidenciar a implicación da sociedade na defensa dun dos humidais máis importantes de Galicia e reclamar medidas que garantan a súa conservación.

O Concello insiste na necesidade dunha actuación inmediata

A mobilización prodúcese poucos días despois de que o Concello de Carballo reiterase á Xunta a necesidade dunha actuación inmediata ante o peche da bocana, unha situación que se prolonga desde o pasado mes de maio. O goberno local remitiu recentemente novos escritos á Dirección Xeral de Patrimonio Natural solicitando unha avaliación técnica urxente para evitar danos ambientais e económicos que consideran irreversibles.

A situación resulta especialmente preocupante porque a lagoa xa sufrira unha crise similar hai apenas uns meses. Cando a actividade marisqueira comezaba a recuperarse, o humidal volveu quedar practicamente illado do mar, reabrindo o debate sobre a necesidade de aplicar solucións estables que eviten que o problema se reproduza cada ano.

O BNG reclama unha solución definitiva para Baldaio

Paralelamente á mobilización veciñal, o deputado do BNG, Óscar Insua, e o concelleiro de Medio Ambiente de Carballo, Miguel Vales, reuníronse co presidente da asociación de mariscadores de Baldaio, Alberto Sánchez, para analizar a situación.

Os nacionalistas reclaman que a Xunta adopte de inmediato as medidas necesarias para recuperar o fluxo natural de intercambio de augas entre a lagoa e o mar, co obxectivo de preservar a biodiversidade e garantir a continuidade da actividade marisqueira.

Insua criticou a falta de criterio da Administración autonómica ao lembrar que hai poucos meses se defendía a apertura da canle e agora se sostén a postura contraria. Ademais, anunciou a presentación de novas iniciativas no Parlamento galego para reclamar unha solución definitiva a un problema que considera recorrente.

Pola súa banda, Miguel Vales incidiu no elevado valor ambiental, social e económico de Baldaio para o municipio de Carballo e advertiu de que o bloqueo da canle está a provocar importantes consecuencias tanto para o ecosistema como para o sector marisqueiro.

Desde o Consello Local do BNG subliñan que Baldaio forma parte da identidade de Carballo e consideran que xa non abondan actuacións puntuais cada vez que aparece o problema. Defenden un compromiso estable por parte da Xunta que garanta a correcta xestión deste espazo protexido e evite que mariscadoras e mariscadores teñan que afrontar periodicamente unha nova crise ambiental.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.