O pleno de Ferrol celebrou onte a súa primeira sesión presencial trala declaración do Estado de Alarma. Os edís da corporación dispoxéronse por todo o salón de plenos, incluíndo a bancada do público, gardando as distancias de seguridade estipuladas pola normativa sanitaria e ataviados coas súas correspondentes mascarillas.
O principal punto día foi a moción levada nesta ocasión polo grupo municipal do Partido Popular e que tamén propuxera na anterior sesión plenaria Ferrol en Común, sobre as medidas de conciliación familiar. A decisión do goberno local de non celebrar os campamentos de verán este ano, tras aprobarse a moción de FeC que instaba a adoptar medidas neste senso, levou aos populares a reprobar o incumprimento do acordo plenario adoptado o 25 de maio para garantir o servizo de conciliación ás familias e instar ao Goberno Municipal ao seu cumprimento con carácter de urxencia. A medida foi aprobada cos votos a favor de todos os grupos menos do PSOE.
Na mesma moción o pleno da corporación aprobou coa abstención do BNG e os votos en contra do PSOE instar ao goberno municipal a aprobar unha partida económica destinada a “bonos concilia”, bonos de axuda para o coidado a menores no fogar. Sí saiu adiante por unanimidade o terceiro punto desta moción do Partido Popular para inciar a elaboración do primeiro plan municipal de conciliación laboral.
Noa Madera e Navantia
O pleno tamén serviu para aprobar varias mocións en materia laboral. Aprobouse coa unanimidad de tódolos grupos municipais solicitar ao Goberno de España que rectifique e dote de carga de traballo aos
estaleiros de Navantia Ferrol mediante a contratación dun AOR e inicie inmediatamente a execución do Estaleiro 4.0 cunha inversión comprometida de 200 millóns de euros.
Tamén contou co respaldo de tódolos grupos a moción do BNG para dar apoio institucional aos traballadores do planta fenesa de Noa Madera Creativa afectados por un ERE e un ERTE que afecta a preto de 120 traballadores.
Do mesmo modo, houbo total acordo noutras mocións como a presentada polo grupo Ferrol en Común para a reactivación do tecido deportivo da cidade, ou a do PP relativa á apertura das instalacións deportivas.