A Deputación da Coruña e ABANCA asinaron hoxe un acordo para o lanzamento do Plan Reactivación, unha iniciativa que dá continuidade e un novo impulso ao Plan Activamos, aplicado nos últimos anos por ambas as dúas entidades para promover o desenvolvemento socioeconómico da provincia a través da concesión de financiamento en condicións preferentes a diferentes colectivos.
No acto de sinatura, no que participaron o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o director de Banca Institucional de ABANCA, Santiago Novoa, e o director de Negocio de ABANCA en Galicia, Asturias e León, Lino Comesaña, deuse a coñecer a principal novidade deste ano: a posta en marcha dun capítulo dedicado especificamente a paliar as consecuencias económicas da crise sanitaria xerada pola COVID-19 sobre as empresas e as persoas autónomas da provincia.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou que “a colaboración entre ABANCA e Deputación deu excelentes resultados nos últimos anos” e enmarcou o acordo subscrito hoxe na estratexia do Goberno provincial de “apoiar as nosas pequenas empresas e autónomos, un dos colectivos que máis está a sufrir as graves consecuencias económicas da pandemia, e impulsar a recuperación económica da provincia”.
Pola súa banda, o director de Banca Institucional de ABANCA, Santiago Novoa, explicou que “a renovación desta alianza estratéxica coa Deputación da Coruña permítenos apoiar ao tecido socioeconómico da provincia a través da achega de crédito en condicións vantaxosas. Neste momento de especial dificultade que están a vivir as pequenas e medianas empresas como consecuencia da Covid-19, esta oferta permitirá atender necesidades de financiamento, competitividade ou dixitalización”.
Condicións preferentes
A través do Plan Reactivación A Coruña, ABANCA pon ao dispor dos seus beneficiarios diferentes produtos financeiros deseñados para dar resposta ás necesidades das familias, as peme, as persoas autónomas, e as corporacións locais. A súa filosofía de máxima facilidade de acceso ao crédito tradúcese na ausencia de comisións por estudo, amortización ou cancelación anticipada, a existencia de amplos prazos de amortización e a posibilidade de acollerse a períodos de carencia en determinados casos.
No caso das peme e autónomos o Plan presta especial atención ás súas necesidades de financiamento a curto prazo. O catálogo de produtos inclúe dúas pólizas de crédito, unha delas de carácter especial destinada á cobertura das necesidades de circulante derivadas da crise da COVID-19. Outras finalidades contempladas son a creación de novos negocios, a realización de novos investimentos, o fomento da eficiencia enerxética e a dixitalización.
Os produtos para familias están orientados á adopción de enerxías renovables, a mellora enerxética e de accesibilidade no fogar, a dotación tecnolóxica, e a mellora da habitabilidade no medio rural. As corporacións locais contan con financiamento para a realización de investimentos, circulante, avais e confirming.
Máis de 223 millóns de euros
Desde a súa creación, baixo a denominación de Plan Activamos, a iniciativa inxectou máis de 223 millóns de euros na provincia da Coruña para apoiar a familias, autónomos, empresas e corporacións locais. En 2019 o tecido socioeconómico da provincia da Coruña recibiu financiamento por un importe de máis de 40 millóns de euros. En total realizáronse máis de 1.500 operacións de financiamento cun importe medio de 26.180 euros. Os principais destinatarios do financiamento concedido foron as peme e persoas autónomas, que protagonizaron o 96% das operacións realizadas.
Discussion about this post