A Xunta de Goberno Local do Concello das Pontes aprobou esta semana o IV Plan Municipal de Igualdade, unha iniciativa que establece un conxunto de accións e medidas para garantir a igualdade efectiva de trato e oportunidades entre mulleres e homes en todas as áreas municipais. O plan responde ao compromiso do goberno local coa equidade, a diversidade e a loita contra a violencia de xénero e outras violencias machistas, segundo destacou Tania Pardo, responsable da área de Igualdade do Concello.
O novo plan baséase en tres principios fundamentais. En primeiro lugar, a transversalidade, garantindo que a diversidade de preocupacións e experiencias das persoas se integre na elaboración, aplicación, seguimento e avaliación das políticas municipais en todas as esferas, xa sexa política, económica ou social. En segundo lugar, a interseccionalidade, recoñecendo que distintos factores poden incidir de maneira cruzada nas situacións de exclusión e discriminación social, co obxectivo de mitigar esas desigualdades. Finalmente, tamén se aposta pola creación de espazos e canles de comunicación que fomenten a participación cidadá na posta en marcha de accións encamiñadas a construír unha sociedade máis igualitaria, inclusiva, diversa e libre de violencias machistas.
A elaboración do IV Plan Municipal de Igualdade desenvolveuse a través dun proceso participativo, no que colaboraron tanto o persoal técnico e político municipal como asociacións veciñais, culturais, deportivas, educativas, sociais e empresariais. Tamén participaron entidades especializadas en diversidade sexual e de xénero, sindicatos, centros educativos, forzas de seguridade e centros sanitarios, entre outros axentes clave. O proceso incluíu varias fases, empezando por unha diagnose que analizou os anteriores plans municipais, a normativa vixente e datos estatísticos sobre igualdade. Ademais, realizáronse entrevistas individuais e grupais co persoal municipal e outros actores sociais para identificar as principais necesidades e retos.
Unha vez realizada a análise, deseñouse o plan de acción a través de mesas de traballo organizadas por áreas, onde se definiron os obxectivos xerais e específicos e se concretaron as medidas a implementar. Posteriormente, establecéronse os procedementos de seguimento e avaliación para garantir a efectividade do plan.
O IV Plan Municipal de Igualdade articúlase arredor de seis liñas estratéxicas. A primeira céntrase na transversalización do enfoque de xénero nas políticas municipais, asegurando que a igualdade estea presente en todas as decisións e actuacións do Concello. A segunda liña busca promover unha cultura e un deporte igualitarios, fomentando a eliminación da violencia de xénero e doutros tipos de violencias machistas dentro do tecido social, cultural e deportivo do municipio. A terceira liña de traballo está orientada a erradicar os discursos de odio e as violencias machistas nos espazos municipais, reforzando a visibilidade da diversidade sexual e de xénero, así como a intervención no ámbito educativo para combater estas problemáticas desde a raíz.
A cuarta liña estratéxica está enfocada na saúde e na calidade de vida, incorporando a perspectiva de xénero en todos os servizos municipais vinculados ao benestar físico e socio-sanitario. A quinta liña céntrase no emprego, o mercado laboral e a conciliación, promovendo medidas para garantir a igualdade de oportunidades no acceso ao traballo, reducir a segregación laboral por razón de xénero, mellorar a empregabilidade das mulleres e fomentar o emprendemento feminino. Finalmente, a sexta liña de acción aposta por unha participación cidadá igualitaria, impulsando a implicación das mulleres no tecido asociativo e no movemento cultural do municipio. Para iso, prevé a creación de redes de apoio interxeracionais e entre mulleres locais e migrantes, a capacitación de entidades locais en materia de igualdade e xénero, e a difusión de actividades dirixidas a colectivos en situación de vulnerabilidade.