Efectivos da Garda Civil, Policía Local, Protección Civil e veciños do municipio de Miño buscan a unha muller de mediana idade desparecida desde o mediodía deste luns. Segundo informaron fontes próximas á familia, a muller, que responde as iniciais de N. B. M., saíu da súa vivenda como cada mañá nun coche Volkswagen Passat de cor beige claro e descoñécese o seu paradoiro desde entón.
As alarmas saltaron cando non se presentou á saída do colexio da súa filla para recollela. Segundo as mesmas fontes, a muller mide 1,60, de complexión forte, con media melena de cor castaña e de 46 anos de idade. As batidas para tentar localizala a ela ou ao seu vehículo comezaron pasadas as 21.00 horas de onte tras non poder contar con ela nin ter noticias da muller. A familia prega calquera colaboración veciñal que axude na súa localización.