Non puido despedir a pretemporada cun sorriso O Parrulo Ferrol, tras caer por 2-4 #ante o Pescados Rubén Burela, no partido de volta das semifinais da Copa Galicia, disputado na noite do luns, no Pavillón da Malata.
Os xogadores de O Parrulo Ferrol querían ter o balón nos primeiros instantes, tendo unha boa ocasión para porta cun saque de esquina de Isma a William ao segundo pau, pero chegaba Edu xusto a tempo para evitar o gol, mentres que o Burela atinaba no seu primeiro tiro, cun golazo pola escuadra de Matamoros desde a frontal, imposible para Marc García.
Este gol encaixado foi un xerro de auga fría para os ferroláns, que non daban coa tecla, mentres que o Pescados Rubén ía a por o segundo tanto, tendo unha boa oportunidade cun centro desde o bordo da área a media altura de David Pazos a Loito, ao que non chegaba por moi pouco, mentres que uns segundos despois Marc García salvaba un centro moi perigoso ao segundo pau que recibía David Pazos, pero no seguinte centro non perdoaban, cun gol de Quintela, nunha rápida xogada de equipo.
O Parrulo Ferrol buscaba reaccionar e estiveron preto de anotar cun centro ao segundo pau de Hélder a William, pero chegaba xusto a tempo un xogador visitante, aínda que os ferroláns conseguían o seu gol por medio de Kevin Chis, grazas a un gol na frontal da área a media altura nunha boa xogada de equipo. Os ferroláns buscaban o empate, tendo o balón nos seus pés, chegando a trazar un bo centro de William a Isma, pero novamente un xogador visitante interpoñíase no camiño, mentres que, uns instantes despois, Thalles enviaba un balón alto desde a frontal da área.
Os ferroláns estaban a xogar mellor, pero a efectividade tíñaa o equipo visitante, cun gol de Pitero ao segundo pau nunha boa xogada de equipo. A pesar deste gol, os xogadores de O Parrulo Ferrol non baixaban os brazos cun tiro de Thalles desde a lateral da área que se ía fóra por pouco, como tamén cun contragolpe de Yago Tenreiro desde media pista, pero Edu lograba adiviñarlle as intencións na súa saída da portería. A última oportunidade do período tíñaa Renato para os da Mariña, nun tiro raso desde dez metros á saída dun córner, pero atopábase co pé de Marc García, polo que con este 1-2 o partido íase ao descanso.
O segundo tempo empezaba co Burela buscando abrir distancias, cun tiro de David Pazos desde a frontal da área por alto, onde Víctor Espíndola sacaba unha boa man. O porteiro parrulo tiña traballo nestes primeiros minutos, tras quedar só Quintela diante del, pero lograba adiviñarlle as intencións con outra boa man a un tiro cruzado dentro da área. O seguinte que o tentaba era Renato cun tiro na lateral da área a media altura, pero o porteiro ferrolán seguía evitando todas as chegadas, pero non o puido facer co gol de David Pazos, que lograba aproveitar un rexeite dun tiro previo seu para facer o 1-4, mentres que uns segundos despois Matamoros enviaba un mísil desde dez metros ao traveseiro.
O Parrulo Ferrol solicitaba tempo morto sobre a pista e pouco tardaban en recortar distancias cun gol do xogador do filial Chesky na súa estrea co primeiro equipo, aproveitando un rexeite ao segundo pau para anotar a media altura o 2-4. Os ferroláns buscaban recortar distancias, tendo outra boa ocasión cun tiro de Isma, mentres que a última oportunidade tíñaa Kevin Chis cun tiro no bordo da área que volvía salvar un xogador visitante baixo paus, polo que este 2-4 acabaría sendo o resultado definitivo.