O presidente do Club de Remo Narón explicou que o equipo Sénior que competirá conta con vinte e un integrantes, dos que catorce estarán nesta traiñeira programada para o fin de semana. O equipo Sénior (Liga B) competirá concretamente o domingo 19 na praia de Arealonga, en Chapela, na Liga Galega de Traiñeiras, que comezará a véspera, o sábado 18 en Boiro, baixo fortes medidas de seguridade e un protocolo preventivo da Federación Galega de Remo pola pandemia da Covid-19.
Os naroneses competirán con remeiros de Chapela e Castropol na primeira tanda da Liga B (con nove clubs). A traxectoria será por un percorrido de tres millas náuticas –uns 5.600 metros- e en catro largos e comezará ás 12.00 horas.
Dende o goberno local quixeron apoiar ás entidades e clubs da cidade coma o Club de Remo de Narón, ensalzando o labor que desenvolven ao longo do ano e tamén o feito de que nas súas respectivas modalidades, representen con orgullo á localidade en cada unha das competicións e eventos nos que participan.