O Concello de Ferrol desinfecta a diario os exteriores de hospitais, ambulatorios e residencias de maiores da cidade co obxectivo de loitar contra a propagación da covid-19 entre a poboación e desde hoxe mesmo o corpo de Bombeiros intervén tamén nas inmediacións do centro de día de Caranza e do Centro de Atención a Personas con Discapacidade Souto de Leixa, tal e como indicou o concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, na mañá de hoxe.
Deste modo, tres efectivos do corpo de Bombeiros de Ferrol dotados con equipos de protección individual (EPI) e un camión bomba pulverizan a diario solución desinfectante nos accesos aos ambulatorios de Plaza de España, Serantes e Caranza, do Edificio Social da concellería de Benestar Social e das residencias de maiores da cidade. Tamén nos exteriores do albergue de Caranza, do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) e do Centro de Atención a persoas con discapacidade (CAMF), entre outros espazos, e desde hoxe mesmo tamén no centro de día de Caranza e do Souto de Leixa.
“Execútanse nos horarios de menor afluencia de persoas para evitar molestias”, explicou. Cosyota indicou que o fin de reforzar os traballos de desinfección “é poñer todos os medios que temos no Concello para protexer aos nosos veciños e seguir loitando entre todos contra a propagación do virus”.
Máis de 800 intervencións
O Corpo de Bombeiros de Ferrol realizou durante o tempo que durou o primeiro estado de alarma un total de 820 desinfeccións en diferentes espazos da cidade. No mes de marzo e abril sumaron 383, en maio outras 374 e en xuño, ata a finalización do estado de alarma, fixéronse un total de 63 intervencións.