A Deputación e o Campus de Lugo, aliados estratéxicos no desenvolvemento do futuro da provincia

“Apostamos por un Campus arraigado á terra, conectado coa realidade e á vez punteiro e innovador, que ofreza oportunidades reais á mocidade e impulsa o desenvolvemento sostible do rural galego”, subliñou o Presidente, José Tomé Roca
O Presidente da Deputación, José Tomé, e o rector da USC Carlos Toural, durante a sinatura do convenio
O Presidente da Deputación, José Tomé, e o rector da USC Carlos Toural, durante a sinatura do convenio

A Deputación de Lugo reafirma o seu compromiso co ensino superior público e coa excelencia académica do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), consolidándose como un aliado estratéxico clave para o desenvolvemento económico, social e tecnolóxico da provincia. Grazas á achega anual de 370.500€, a institución provincial contribúe ao reforzo de centros de investigación, á innovación docente e á formación práctica do alumnado, mantendo o Campus á vangarda da investigación aplicada e das tecnoloxías emerxentes.

“Apostamos por un Campus arraigado á terra, conectado coa realidade e á vez punteiro e innovador. Un Campus que ofreza oportunidades reais á mocidade e que contribúa ao desenvolvemento sostible do rural galego”, destacou o Presidente da Deputación, José Tomé Roca.

Compromiso coa investigación e coa transferencia de coñecemento

A colaboración da Deputación contribúe de maneira directa á consolidación do Campus de Lugo como un polo de coñecemento e innovación, centrado na investigación aplicada e vinculada aos sectores estratéxicos da provincia.

Esta aposta materialízase en proxectos como a instalación da gaiola de drons, unha infraestrutura pioneira que permite ao alumnado realizar prácticas de voo e control de sistemas aéreos non tripulados, con aplicacións directas en ámbitos tan relevantes como a agricultura de precisión, a xestión forestal ou a prevención de incendios.

Ademais, a Granxa Experimental de Leite da finca Gayoso Castro ofrece formación práctica en contornas produtivas reais, combinando investigación, innovación e contacto coa realidade produtiva para mellorar a aprendizaxe e a empregabilidade do estudantado.

O novo espazo para a Escola Politécnica de Enxeñería supón un avance clave para mellorar a calidade docente en titulacións como o Grao en Robótica ou o Máster Universitario en Sistemas Aéreos non Tripulados.

Crecemento e visión de futuro

A colaboración entre a Deputación e a USC non só impulsa proxectos de innovación, senón que tamén contribúe á planificación estratéxica de futuro do Campus. A institución provincial facilitou a cesión de terreos para a nova Facultade de Formación do Profesorado, unha actuación clave para ampliar espazos, mellorar infraestruturas e dar resposta á demanda crecente de estudantes. Esta visión compartida permite que Lugo conte cun campus moderno, competitivo e preparado para seguir medrando.

Granxa experimental de leite da USC en Lugo, un espazo dedicado á investigación e á formación en produción gandeira

A Granxa Experimental de Leite da finca Gayoso Castro ofrece formación práctica en contornas produtivas reais

Un campus que xera oportunidades para Lugo

A colaboración evidencia un modelo de cooperación institucional que funciona e que produce resultados visibles: estudantes con formación máis completa, investigación ao servizo do territorio e un campus que medra e se proxecta ao futuro. A Deputación de Lugo aposta así por unha universidade pública forte, útil e comprometida coa provincia, convertendo a educación superior nunha das mellores ferramentas para garantir un futuro sostible e competitivo para Lugo e o seu rural.

PUBLICIDAD
PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.