A Plataforma Galega Contra a OTAN conclúe mañá en Ferrol a xeira de palestras organizadas ao longo do mes de xuño baixo o título de “Que é a OTAN e canto nos custa?”. Será ás 20:00 horas no local da Fundación Artabria e contará coa participación da sindicalista da CIG, Nicolasa Castro, e do historiador e analista internacional, Duarte Correa.
Trátase dunha palestra informativa na que se explicará a realidade detrás da alianza militar, que conta na actualidade cun milleiro de bases repartidas en 63 países e ten despregadas tropas nun total de 165 países. “Rexeitamos a cesión de portos e instalacións aéreas na Galiza para alimentar esta maquinaria de guerra que converte aos galegos e galegas en cómplices da barbarie imperialista, malia existir un amplo rexeitamento social” explicou Óscar Valadares, voceiro da plataforma.
A Plataforma galega contra a OTAN conclúe, así, a xeira de actos organizados en diferentes puntos de Galicia ao longo do mes de xuño, e que tivo como punto álxido a contracimeira galega, celebrada o pasado domingo 19 de xuño en Santiago de Compostela “que contou cunha nutrida asistencia” sinalou Valadares.
De cara á próxima cimeira da OTAN en España, chama tamén a participar da columna galega na manifestación convocada en Madrid o domingo 26 de xuño. A organización pon autobuses con parada en diferentes puntos da Galiza, a disposición de toda persoa que queira asistir, para o que é preciso realizar a inscrición na web galizacontraaotan.gal
Discussion about this post