A segunda edición do Tarugotón, a recollida simultánea de paus de batea nas praias galegas, mobilizou a máis de 600 voluntarios, o dobre que na primeira convocatoria.
Durante a actividade, o voluntariado retirou preto de 23.000 paus de batea, ademais doutros residuos acumulados nos areais tras os temporais das últimas semanas. A iniciativa, organizada por Limpiarousa, Surfrider España, Proxecto aMARte e ADEGA, busca non só limpar as praias, senón tamén concienciar sobre a contaminación mariña e abrir canles de diálogo entre administracións, empresas e o sector bateeiro para procurar solucións duradeiras.
O reto consistía en recoller o maior número posible de paus de batea nun máximo dunha hora, nunha dinámica que se repetiu en distintas praias do litoral galego.
A organización destacou que, aínda que a participación foi moi positiva, a actividade amosou tamén a dimensión do problema ambiental: ademais dos paus de batea de plástico, os areais continúan acumulando outros residuos plásticos e microplásticos, resultado do modelo de consumo baseado no “usar e tirar”.
Co Tarugotón, as entidades implicadas queren visibilizar a necesidade de adoptar alternativas máis sostibles e fomentar accións que contribúan á preservación das costas galegas a longo prazo.
