Samantha Hudson e María Barrier levan ‘Bimboficadas’ a Carballo Interplay

A cita terá lugar o venres 17 de abril no mercado do municipio coruñés
'Bimboficadas'

O festival Carballo Interplay acollerá este ano unha edición especial do podcast ‘Rajando con…’ protagonizada por Samantha Hudson e María Barrier, creadoras de Bimboficadas. A cita será o venres 17 de abril ás 22:00 horas no mercado de Carballo, nun espectáculo único que só se poderá gozar en directo.

Será a primeira vez que Samantha Hudson, artista e icono da xeración Z, e María Barrier, xornalista e actriz, achegan a Galicia o seu proxecto sonoro, que combina humor, ironía e unha ollada crítica sobre cuestións de actualidade. Temas como a identidade de xénero, a precariedade laboral, a saúde mental ou os debates da esfera pública pasarán polo tamiz do seu estilo irreverente e sen filtros, mesturando sátira, cultura pop e comentario social.

Esta actuación súmase ao anuncio de Pop y Muerte, o podcast conducido por Kiko Amat e Benja Villegas, que poderá escoitarse en directo o sábado 18 de abril ás 22:30 horas no mesmo espazo. Con estes primeiros anuncios, o festival comeza a debuxar unha edición marcada pola presenza dalgunhas das voces máis recoñecibles do panorama dixital actual.

Samantha Hudson é cantante, compositora, produtora, guionista e actriz, coñecida pola súa traxectoria vangardista e pola súa defensa da liberdade de expresión a través de espectáculos impactantes. María Barrier, pola súa banda, desenvolve unha carreira como xornalista e actriz, colaborando con medios como Acero e Metal Magazine, presentando coloquios en Filmin e participando no podcast Esta noche libro da SER.

Carballo Interplay, organizado polo Concello e Turismo de Carballo coa produción e dirección de Cósmica, é un festival de pensamento e contidos dixitais que desde Galicia se consolidou como espazo pioneiro para impulsar novas linguaxes audiovisuais en internet. O festival tamén mantén unha aposta firme polo ecosistema creativo en galego, a través de premios á creación e á produción de contido dixital na nosa lingua, visibilizando e profesionalizando a mocidade que crea en plataformas como YouTube, TikTok ou Instagram.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.