Volveu a ser Europa a que tivo que poñer as cousas no seu sitio. O Tribunal de Xustiza da Unión Europea, na Sentencia ditada o pasado 16 de xullo de 2020, tivo que volver a contradicir o que sentara previamente o noso Tribunal Supremo, sendo de novo Europa a que saiu en defensa dos consumidores, como pasou hai uns anos coas “cláusulas suelo”.
Se ben é certo que o Tribunal Supremo declarou no seu día ABUSIVAS as cláusulas que insertaban os Bancos nos préstamos hipotecarios e polas que se lles impuña aos clientes o pago de todos os gastos, tributos e comisións, de forma que así aforraban uns custos que legalmente lles correspondería asumir, posteriormente, a xurisprudencia, con respecto aos efectos desa nulidade, os tribunais tomaron decisións diversas e contraditorias que puxeron aos consumidores nunha situación de inseguridade xurídica.
Finalmente, a Sentencia do Tribunal Supremo núm. 49/2019 fixo una interpretación favorable aos Bancos, dispoñendo que os gastos derivados das hipotecas deberían ser repartidos entre os Bancos e os clientes. Isto implicou que a partir dese momento só se puidese reclamar aos Bancos a devolución da metade dos gastos derivados das escrituras de constitución ou ampliación da hipoteca, sendo unicamente atribuibles aos Bancos na súa totalidade os gastos de rexistro.
Esta situación era a todas luces inxusta, pero se amparaba no argumento falaz de que con esa escritura se beneficiaba ao prestatario, que obtiña a financiación, cando en realidade o que interesa ao cliente é o préstamo, non a hipoteca, que é una garantía constituida a favor do Banco, para garantizarse un cobro privilexiado fronte a outros acreedores, se o cliente non cumpre coa sua obriga de devolución e pago das cotas.
Pois ben, o TXUE interpretou que, no caso de que un Tribunal declarase como abusiva a cláusula que impón ao consumidor, o pago da totalidade dos gastos de constitución e cancelación da hipoteca, ao ser nula, non se lle pode negar a devolución de tódalas cantidades aboadas en virtude da referida cláusula. É dicir, os gastos de constitución da hipoteca, tais como gastos notariais, rexistrais, de xestoría ou taxación, deben de ser asumidos polo Banco e, se o consumidor os abonou no seu día por esta cláusula, poderá reclamar a súa devolución e o mesmo ocorrerá cos gastos de cancelación da mesma, cando se liquide o préstamo. Só se establece una excepción: que no dereito nacional se establecese expresamente o contrario en relación cun gasto concreto, o que, por exemplo, pasa no caso dos xuros que graban a escritura.
Pero esta Sentencia vai máis alá, ao declarar que a comisión de apertura do préstamo que se ven impoñendo aos consumidores é contraria as exixencias da boa fe, e será nula, excepto se o Banco demostra que realmente responde a servizos efectivamente prestados e a gastos nos que se incorrese. Polo tanto, esta Sentencia supón unha boa noticia para os consumidores que teñen na súa hipoteca unha cláusula deste tipo e aínda non reclamaron a devolución destes gastos, incidindo ademáis esta sentencia en que non se pode cargar ao consumidor cunha parte das costas procesais, pois iso disuadiría aos consumidores de interpoñer a reclamación xudicial para eliminar estas cláusulas abusivas da Banca. Iso sí, o Tribunal Europeo non se opón a que se fixe un prazo límite de prescripción para facer estas reclamacións, sendo no dereito español de cinco anos, pero correndo este a partir da conclusión do contrato de préstamo.
Elisa María Lago Moire. Avogada Colexiada 3717 ICACOR.
Discussion about this post