Un eumés no gulag de Stalin

A historia de Antonio Leira Carpente

Un dos camiños seguidos polos republicanos españois ao final da guerra civil, menos coñecidos, é o que conducía á antiga Unión Soviética (URSS). A historiadora e investigadora do exilio á URSS Luiza Iordache, na publicación Vidas y destinos. Los marinos republicanos del Gulag, clasifica en cinco grupos aos preto de cinco mil españois presentes a finais de 1939 no devandito país: os 157 aviadores que facían cursos na Academia Militar de Kirovabad, consagrada ao adestramento dos pilotos españois; os chamados “nenos da guerra”, ao redor de 3.000 nenos e nenas, evacuados nos anos 38-39, para protexelos dos desastres da guerra; os mestres, auxiliares, e persoal sanitario que lles acompañaron; civís e militares exiliados, maioritariamente afíns ou membros do PCE e PSUC; e a mariñeiría e oficialidade dos nove buques mercantes ao servizo do goberno republicano, que realizaban o transporte de material de guerra e víveres entre a España republicana e a URSS, estacionados desde finais do 37 e comezos do 38 no Mar Negro ( Odesa e Feodosia) e no mar Báltico (Murmanks).

Estes barcos e parte das súas tripulacións, -algúns xa foran regresando a España-, quedaron atrapados ao final da guerra civil, en abril de 1939, en territorio soviético, e os buques foron incautados e incorporados á Mariña Mercante soviética. Os tripulantes dos nove barcos foron desembarcados e trasladados a residencias da Mariña soviética. O buque mercante “Cabo San Agustín” da Compañía Ibarra, que no ano 36 fora requisado en Barcelona, polo goberno da República, queda atrapado no porto de Feodosia (Crimea). Un dos seus mariñeiros-artilleiros, é o veciño de Pontedeume, Antonio Leira Carpente. Nacido no ano 1911, cuarto fillo dos sete que tiveron Ramiro Leira Calvete e María Antonia Carpente Fernández veciños dá rúa de Porto 25, segundo o Padrón Municipal de 1930.

Antonio Leira

De ideoloxía anarcosindicalista, foi un dos máis de trescentos republicanos españois, internados nos campos soviéticos do Gulag, acrónimo da Dirección Xeral de Campos e Colonias Correccionais, do “pai da patria”, Josif Stalin. Unha parte dos mariñeiros, cento vinte e nove deles, foron repatriados a España en xullo do 39, no que se interpreta como un troco con soldados soviéticos apresados na guerra española. Outros solicitaron quedar na URSS e facilitáronlles traballo en fábricas ou foron enviados a barcos que navegaban por rios e mares do pais. Un terceiro grupo numeroso, de máis de sesenta, no que se encontraba Antonio Leira Carpente, negáronse a regresar por motivos ideolóxicos e por temor á represión en España e solicitaron emigrar a Francia, México ou algún outro pais de América Latina.

Entre abril do 39 e xuño do 41, sobre sesenta e tres mariñeiros, foron instalados polas autoridades soviéticas nun hotel de Odesa. Dous anos sen traballar, ou realizando traballos esporádicos, ou participando nalgúns traballos comunitarios, e nese tempo tiñan garantida cama, comida e unha paga de 50 rublos para pequenos gastos.  As autoridades soviéticas xestionaron os visados para que entrasen en México, dos que optaban por esta última opción, e facilitaban o seu transporte en mercantes soviéticos, pero parece que as negociacións que realizaron, non frutificaron en primeiro lugar, pola falta de interese e trabas das embaixadas de México, e truncáronse definitivamente polo comezo da segunda Guerra Mundial.

Ante esta situación desfavorable, algúns mariñeiros puxeron logo as súas esperanzas na negociación de volver a España, pero entón, as dificultades xurdiron da España franquista que rexeitaba á repatriación colectiva dun continxente do exército republicano, e pedía que o solicitasen de forma individual, para poder estudar cada caso. As autoridades soviéticas xa deran a conformidade para a saída de cincuenta e tres mariños, nun listado de setenta e oito españois . Parece que o goberno español no ano 41 só autoriza o regreso de sete mariñeiros. Segundo recolle no libro “Españoles en el Gulag”, o historiador leonés Secundino Serrano, “os soviéticos entendían que os españois quixesen volver ao seu país, pero resultáballes inadmisible que un home de esquerdas menoscabase a URSS, en beneficio de terceiros países “. En fin, non comprendían que quixeran abandonar a “patria do proletariado”.

 

Tarxeta Postal de 1947. O buque de fondo é o Cabo San Agustín no que viaxaban parte dos galegos republicanos apresados en Odesa. Nela, a Federación Española de Deportados e Internados políticos, insta á liberación dos mariñeiros españois. Á esquerda, no centro, Antonio Leira Carpente

Aínda que algúns españois xa foran detidos no 1940 por facer declaracións contrarias ao réxime político e económico soviético, a súa falta de liberdade, todo mudou radicalmente en 1941, coa invasión dá URSS polas tropas de Hitler. As autoridades soviéticas cambian de actitude e o xefe do Comisariado do pobo para asuntos internos ( NKUD), Lavrenti Beria, apremado para que regularizase a situación dos españois, ordena o internamento dos mariños e pilotos, nos campos de concentración de Siberia.

Os soviéticos temen que poidan causarlles molestias, e o 28 de xuño deteñen aos corenta e cinco mariñeiros, (entre estes está Antonio Leira), a vinte catro aviadores que tamén agardaban poder saír da URSS e estaban aloxados nunha “casa de repouso” preto de Moscova, – compre salientar, que un grupo numeroso dos aviadores intégrase no exército soviético, e algúns deles conseguiran volver a España-, e ao médico e mestre, dos “nenos da guerra”, Juan Bote García .

O aliñamento do goberno de Franco coa Alemaña nazi, rompendo a neutralidade, ao enviar aos máis de corenta e cinco mil voluntarios dá División Azul a combater en territorio ruso, á beira do exército alemán, leva a que comecen a ser tratados como sospeitosos e apestados, e cualificados como “ pouco adictos ao réxime soviético”, “vagos”, “elementos inestables”, ou mesmo como “ inimigos do pobo”.

O réxime descargou a maior represión sobre estes pilotos e mariños, e non querer quedarse na URSS, converteuse no seu maior “delito”. Pero tamén entre os que optaron por permanecer no territorio soviético aceptando un traballo nas fábricas, algúns deles acabarán nos campos de traballo ao ser acusados de “espionaxe” ou de “contrarrevolucionarios”. E tampouco se librarán dos campos, algúns dos exiliados políticos comunistas, discrepantes do réxime stalinista e críticos coa situación social do pais.
Así comeza un longo periplo de máis dunha década de penalidades por campos de concentración e cárceres da URSS, sen ser procesados nin suxeitos a causa algunha, e sometidos a traballos forzados en estradas, nas liñas de ferro, minas, ou explotacións agrícolas, soportando humillacións, castigos, enfermidades, frío e fame .

O primeiro traxecto remata por riba do Circulo Polar Ártico, no campo de traballo de Norilsk. Logo a mediados de 1942 farán o traxecto inverso e Antonio e varios dous seus compañeiros, entre outros, pasarán por varios campos de traballos forzados, rematando no campo de Kok-Usek, da estepa de Karagandá (Casaquistán), onde permanecerán case cinco anos.

 

Presos no Gulag de Karagandá. Arquivo Histórico Karlag

Varios centenares de voluntarios españois dá División Azul foron chegando aos campos, como prisioneiros de guerra do Exército soviético. Como expón Luiza Iordache, no seu libro Cartas desde o Gulag, o encontro e convivencia entre españois dos dous bandos enfrontados pola guerra civil, creará nalgúns campos, lazos de solidariedade e afectividade, como vítimas do stalinismo, na loita pola supervivencia e o desexo de regresar a España.

A finais dá II Guerra Mundial, as autoridades soviéticas comezaron a repatriar prisioneiros de guerra e internados. Serán algúns destes, os que denuncien publicamente a existencia no Gulag dun colectivo de republicanos antifascistas. Algúns dos presos españois, cansos de esperar, se puxeron en folga de fame para chamar a atención e premer cara a súa saída a España, Francia, México, ou Chile. Varios deles, nestes anos, chegan a acordos cos soviéticos e conseguen que os liberen, co compromiso de quedar a residir na URSS e integrarse a traballar en fábricas soviéticas.

A Federación Española de Deportados e Internados políticos ( FEDIP), a prensa anarquista, os socialistas, o Goberno Republicano no exilio, ou a prensa francesa, negociarán e farán presión, para conseguir a liberación dos internados. Os comunistas españois, miran para outro lado, ou falan de campaña antisoviética, pero non poden evitar ser acusados de complicidade co terror stalinista.

Mentres tanto Antonio Leira segue a sufrir miseria e penalidades nos campos de concentración, situación descoñecida durante moitos anos pola súa familia, pasando bastantes meses do ano 1949, de marzo a decembro, internado e enfermo en hospitais de diversos campos. Segundo declaraba a filla de Antonio, Beatriz Leira, a “EL Pais” en outubro de 2013, “a miña aboa soubo que meu pai estaba vivo por unha carta que lle chegou en alemán, a través dun preso liberado”, pois os españois tiñan prohibido comunicarse co seu país. Algúns dos seus compañeiros mariños, correrán peor sorte, e non sobrevivirán as penalidades, á fame, e ás enfermidades dos campos de traballo. Máis de vinte deles falecen durante estes anos no Gulag.

A morte de Stalin en marzo de 1953, os cambios na estrutura do poder soviético, e a promulgación de varios decretos de “amnistía”, da que se benefician máis dun millón de presos no Gulag, abre o camiño ao final da reclusión perpetua dos españois.

A finais do 1953 chega á oficina francesa da Cruz Vermella, a noticia da decisión dos soviéticos de liberar aos españois. A Cruz Vermella insta ao goberno franquista a que financie o frete dun buque para a repatriación. O 21 de marzo de 1954 un grupo numeroso de prisioneiros da División Azul, trinta e catro superviventes republicanos (mariños e aviadores) e catro “nenos da guerra” saíron dos campos, rumbo a Odesa.

 

La Voz de Galicia. Sábado, 3 de abril de 1954

Douscentos oitenta e seis españois, a maioría integrantes da División Azul, foron repatriados no buque grego da compañía Epirotaki, “Semíramis”, desde Odesa, pasando por Istambul, cara ao porto de Barcelona, ao que arribaron ás cinco e media da tarde do venres dous de abril de 1.954. No continxente repatriado volvían tamén doce aviadores e vinte mariños republicanos . Na listaxe de repatriados (trinta e seis deles eran galegos), figuraba na posición 131, Antonio Leira Carpente, natural de Pontedeume, que con corenta e tres anos, viña de pasar nada menos que trece deses anos nos campos de concentración.
Esta será a primeira das oito expedicións de repatriados españois desde a URSS, entre 1954-59.

Recolocados na Administración do Estado

Segundo afirma o historiador Xosé M. Seixas no seu libro “Camarada Inverno”, á case totalidade dos repatriados foilles proporcionada unha colocación laboral na Administración do Estado, nas empresas públicas e tamén nalgunhas privadas, mediante a intervención da Delegación Nacional de Excombatientes, dos gobernadores civís e mesmo das irmandades de veteranos da División Azul. Ademais o goberno aprobou un “perdón” para todos os pasaxeiros do buque grego.

As organizacións do réxime franquista organizan un gran recibimento de exaltación patriótica, e anticomunista, no porto de Barcelona, -onde segundo as crónicas concentráronse centos de miles de persoas procedentes dos lugares mais diversos-, a estes españois que regresaban de estar en catividade no Gulag soviético, e logo tamén repetíanse os recibimentos nas cidades ás que ían chegando normalmente por ferrocarril. Aínda así, e como sostén S. Serrano, o goberno de Franco, polo contexto político internacional, non estaba interesado xa na reaparición dos brazos en alto, os símbolos fascistas e no relato dunha unidade de voluntarios que apoiara a Hitler, e frea radicalmente un recibimento triunfal en Madrid.

Na Coruña, o seis de abril, ás seis e media da tarde chegaron tres repatriados da División Azul, e son recibidos por todas as forzas vivas da cidade, sendo conducidos pola multitude aos ombreiros, desde a estación do tren ata os Cantóns. O mesmo ocorrera no Ferrol con dous repatriados que chegaran o día anterior, un deles era Eugenio García López, voluntario da División Azul e o outro un mariño republicano, Enrique Piñeiro Díaz.

 

Ficha dun preso español da División Azul, internado nun campo de Karagandá. 1943

Por varias testemuñas, de veciños de Antonio Leira, sabemos que este chegou en tren á estación de Pontedeume, e foi recibido por un enorme tropel de xente e todas as autoridades locais, e levárono ata o balcón do concello, na praza Real, onde se lle deu a benvida por parte do alcalde Juan Sarmiento e o cura-párroco Pedro Díaz Casteleiro, entre outros oradores. Logo levárono á Igrexa parroquial a celebrar un acto relixioso de acción de grazas. Primaba a exaltación patriótica fronte ao comunismo, aínda sendo o homenaxeado un combatente da España derrotada.

Antonio Leira viviu en Ferrol onde lle conseguen traballo na E.N. Bazán, e casou con María Otero Cernadas, nacida no 1919 tamén en Pontedeume, na parroquia de Vilar (Campolongo), coa que tivo unha filla, Beatriz. Faleceu en Ferrol no ano 2000, aos oitenta e nove anos.

Primeiro homenaxe ás vitimas no ano 2015

O primeiro de outubro de 2013, en Astaná, o presidente da República de Casaquistán, Nursultan Nazarbayev, entregou formalmente ao presidente Mariano Rajoy durante a súa visita oficial a ese pais, unha copia dos expedientes de cento cincuenta e dous españois, -franquistas e republicanos-, que viviron ou faleceron nos campos de concentración da exrepública soviética.

O 31 de maio de 2015, data da Conmemoración das Vítimas da Represión Política na República de Casaquistán, España homenaxeaba por primeira vez as vítimas que perderon a vida na estepa de Karagandá, inaugurando un monumento en memoria dos falecidos entre 1941 e 1954 nos campos de traballos forzados da época stalinista.

 

Unha reportaxe de Sindo Vilariño
Salir de la versión móvil