“Ves cousas e lugares que xamás imaxinaches ver”

Antonio, Rebeca e Adolfo son tres eumeses que forman parte dunha das máis impactantes experiencias da Armada Española, dar a volta ao mundo no buque Juan Sebastián Elcano. As vivenzas que teñen estes tres veciños de Pontedeume son case infinitas, pero aseguran que deixar á familia atrás é algo especialmente duro

Antonio, Rebeca e Adolfo, nunha recente travesía polo Atlántico sur a bordo de Elcano.

Forman parte do buque escola Juan Sebastián de Elcano (A-71) é unha experiencia que non moita xente pode vivir. Pero unha representación da comarca do Eume atópase actualmente neste bergantín-goleta que na última semana de outubro cruzou o esttreito de Magallanes.

O Sarxento Primeiro Antonio Fornos leva embarcado desde que tiña 18 anos, xa fai. Antes, estivo nun barco pesqueiro con base en Pontedeume do que di, garda un especial agarimo. A Capitá Rebeca Correa fixo o pasado 24 de outubro o seu primeiro ano de embarque. A pesar dos seus 15 anos na Armada é a primeira vez embarcada. Pola súa banda, o Cabo Adolfo Seara leva xa máis de dous anos a bordo de Elcano.

Como e cando sentistes a chamada do mar? Algún tiña tradición familiar?
Antonio: Creo que sentín a chamada do mar desde moi pequeno cando ía á EGB no colexio Couceiro Freijomil que está moi preto do mar, no peirao de Pontedeume. Porque lembro que ao tocar a sirena para a saída gustábame ir saltar de barca en barca. Pois tradición familiar non tiñamos pero sempre estivemos moi aferrados ao mar na nosa familia.

Rebeca: Na miña familia non hai unha longa tradición militar. O primeiro foi o meu avó paterno Gerardo Correa, eumés que faleceu en acto de servizo en Chile e que tamén navegou e deu a volta ao mundo no Juan Sebastián Elcano. Pero sí hai tradición co mar. O meu avó materno foi o farero de Finisterre. Sempre vivín en zona de mar, xa que o meu pai tamén é mariño. Pequena tradición que tamén comparto co meu irmán e o meu marido.

Que é o que máis vos colleu por sorpresa do día a día no barco cando empezáchedes?
Rebeca: O que máis sorprende é que nunca sabes que che depara a mar, o vento e o ánimo da xente coa que convives tantas horas e cada día é un día diferente. Pouca rutina temos abordo e así debe ser para que a monotonía non che faga baixar a garda, xa que nos movemos nun medio que non é o natural do ser humano.

Antonio: Ao principio unha das cosas que che colle por sorpresa sempre é a climatoloxía. Pasamos por lugares con temperaturas extremas, xa sexa por moita calor no paso do Ecuador ou por moito frío cando pasamos polo estreito de Magallanes, no Sur da Arxentina.

Cales son os momentos máis difíciles de soportar?
Adolfo: Pois esas noites de garda que estás en cuberta e pensas en como estará a familia, se pasaría algo ou simplemente porque os botas moito de menos.

Rebeca: No meu caso, teño dous nenos de 12 e 9 anos, María e Nico, e ás veces sinto que me perderei moitas cousas deles, pero son os que me animaron a empezar esta aventura e cada vez que falamos énchenme de forza, contan con orgullo no cole que a súa nai está a dar a volta ao mundo.
O peor foi a cancelación da súa visita en marzo a Miami a causa do Cocivd-19; despois de case cicno meses separada deles e a ilusión que tiñamos non puido ser. Os demais momentos difíciles abordo, que son poucos, bórranse cos bos que hai, que afortunadamente son moitos máis.

Que se aprende aquí máis aló dos coñecementos marítimos? A nivel de experiencia vital.
Adolfo: Pois a convivencia do día a día coa xente, cos compañeiros. Neste barco somos unhas 170 persoas e é inevitable compartir os días bos e tamén os días malos.

Que é o que máis vos sorprendeu, para ben, dos destinos que visitastes? E para mal?
Rebeca: A emoción coa que os españois e descendentes de emigrantes que residen nos portos onde atracamos e que visitan o barco e xuran a bandeira, fainos lembrar que representamos a un país marabilloso con xente extraordinaria. Sitios incribles que visitamos. E o peor a pobreza dalgúns países e as súas circunstancias socio-económicas

Adolfo: Este cruceiro é algo distinto dos demais cruceiros nos que estiven antes, sobre todo este ano que por culpa da Covid non baixaremos en moitos portos. Nas anteriores viaxes ves cidades e vas a países onde nunca pensarías ir. No meu caso sorpréndome ao coñecer a súa cultura, a súa gastronomía e, dado que son músico de Infantería de Marina, tocar con xentes de diferentes países cos que aprendo cousa incríbles.

Cales son as vosas expectativas a medio prazo a nivel profesional?
Antonio: Pois creo que cando termine a viaxe e despois dun merecido descanso seguirei navegando noutros buques porque cando estás por moito tempo en terra hai algo que sempre che chama para volver navegar.

 

 

Hai que estar feito dunha pasta especial para afrontar unha experiencia como esta?
Rebeca: Non creo que haxa que ser de ningunha pasta especial, pero sí que é verdade que embarcarte nunha aventura como esta e deixar á túa familia durante once meses é un gran reto. Este barco está composto por 171 homes e mulleres de gran valentía, máis se cabe coa incerteza coa que saímos a dar a volta ao mundo

Que significa para vós formar parte da historia de Elcano?
Antonio: Este ano conmemórase que hai 500 anos Magallanes e Elcano deron a primeira volta ao mundo buscando outro roteiro das especias e esta a 11° volta ao mundo deste barco e a verdade é un pracer honrar e dar a coñecer aquel fito español ao longo do mundo enteiro.

Adolfo: É algo impresionante saber que estás nun barco cuxo nome é nada menos co do primeiro mariño que deu a volta ao mundo e aínda por riba español, de Guetaria, no País Vasco.

Parécese a experiencia real ao que uno espera antes de embarcarse?
Rebeca: Non. Ninguén pode imaxinarse a vida a bordo sen vivila de verdade. Por moito que te imaxines e tentes controlar como vai ser o teu día a día, algo che sorprende sempre. Son moitas horas onde tes que conxugar traballo, lecer e descanso no mesmo sitio e coa mesma xente. É coma se estiveses a vivir unha vida paralela á que tes en realidade.

Que é o que máis botades de menos de Pontedeume?
Adolfo: Sobre todo á familia que é a que che apoia sempre e, como non, aos amigos cos que te reúnes as fins de semana e vaste de viños pola Cova das Bruxas, comes na Ría ou un churrasquiño no Catro Camiño. Como ves, son moitas as cousas que botas de menos.

Antonio: Poder gozar das nosas queridas festas patronais e romarías que tanto nos gusta a todos os eumeses. Eu sempre ando polo mundo adiante, contando con moita morriña, como nos divertimos en Pontedeume. Vivan os eumeses! E viva Pontedeume!

Salir de la versión móvil